Marea de Vigo pide que Vigo lidere en Galicia a promoción de vivenda en alugueiro social seguindo o expresado pola FEMP o pasado 24 de marzo

Os voceiros do grupo, Rubén Pérez e Oriana Méndez, nun pleno municipal.

Rubén Pérez: “É extremadamente preocupante que en Vigo o stock de vivenda en alugueiro dispoñible sexa xa inferior ao de vivenda vacacional, algo que soamente pode ser corrixido con políticas públicas de promoción de vivenda no formato maioritariamente demandado que é o de alugueiro”

Marea de Vigo afirma que o Concello debe instrumentalizar medidas “coma outros concellos” para frear este fenómeno, e, sobre todo, debe ser promotor de vivenda para facer un parque público de vivenda

Marea de Vigo considera que a FEMP xa “recolleu o guante” de, con independencia das competencias, asumir políticas en materia de vivenda, “especialmente agora que existen máis de 5520 millóns de euros procedentes dos fondos NEXT GENERATION EU que poden tamén captar as entidades locais tanto para programas de rehabilitación como para a construción dun montante de 20.000 vivendas de alugueiro social en edificios enerxéticamente eficientes” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

O propio Abel Caballero, que tantas veces amosou a súa negativa a que dende o Concello de Vigo se habilitasen políticas de vivenda argumentando a competencia autonómica nesta materia, “foi o que o día 24 presentou estas liñas de axudas xunto cos voceiros dos grupos da FEMP e Alfredo González, Secretario de Estado de Política Territorial” engade Pérez.

Para Marea de Vigo, existen “xa demasiadas alarmas” na situación do acceso dos vigueses e viguesas a unha vivenda asequible e digna, quedando unicamente a opción da compra de vivenda libre a prezos desorbitantes e con susbscripción de hipotecas a moitos anos, “opcións que as familias viguesas máis vulnerables teñen moi lonxe” matiza o voceiro. O feito de non existir políticas de construción e xestión de parques públicos de vivenda “está cronificando dous feitos” segundo a Marea de Vigo: “Por unha banda, a marcha de residentes da cidade a outros municipios e pola outra, que o formato de vivenda que se vai facendo no centro urbano sexa de segmento medio alto e promocionado por fondos de investimento e fondos boitre – explica Rubén Pérez -. Que haxa ademais máis oferta de vivenda vacacional que de alugueiro é un problema tanto de expulsión de veciños e veciñas como de acceso á vivenda en alugueiro a prezos asequibles para as familias viguesas”.