Rubén Pérez: “É perfectamente encaixable na nova reforma laboral financiando o Plan con Fondos Europeos e ligándoo a plans de formación e empregabilidade”

Marea de Vigo seguirá pedindo o desenvolvemento do Plan de Emprego municipal de xeito inmediato para que “se chegue ao mes de setembro cun retorno importante do mesmo”

A nova reforma laboral introduce unha serie de modificacións en materia de emprego nas administracions locais, rematando coa temporalidade e transformando en indefinidos centos de contratos de traballadores e traballadoras de concesionarias municipais, coma o caso do SAF.

Precisamente, esta mesma reforma laboral tamén obriga a adaptar a empregabilidade local en plans de emprego, “algo que o Concello de Vigo leva máis dun ano sen sacar” sinala Rubén Pérez. “Non entendemos cal é o problema para sacar o Plan de Emprego municipal – prosigue -, toda vez que tanto o Ministerio coma o SEPE xa explicaron que os contratos ligados a empregabilidade pódense levar adiante, e con máis motivo tratándose do noso concello onde os plans de emprego poden ser financiados por Fondos Europeos, excluídos desa prohibición de contratos por debaixo de 12 meses”.

Ante isto, Marea de Vigo empraza ao Goberno local a explicar os motivos polos que o Plan de Emprego Municipal, “que da unha alternativa de formación e empregabilidade a veciños e veciñas – incide o voceiro -, non se ten consolidado nos últimos tempos, e nin se están facendo os procesos de selección nin consignando os recursos económicos para elo”.

Marea de Vigo reitera que é posible levalo a cabo, e tanto o Ministerio coma o SEPE xa pasaron esta información as entidades locais.