Marea de Vigo apoia ás concentracións de traballadores da cadea ante o «bloqueo da negociación do convenio colectivo e a degradación das condicións laborais na empresa»
Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo, amosou hoxe o apoio do espazo municipalista ás mobilizacións que hoxe mércores comezan nas tendas do grupo convocadas por CCOO polas condicións laborais e o «inmobilismo» da empresa nas negociacións do novo convenio colectivo do grupo. «Que non se queira abordar unha suba salarial do 6% nin os incrementos por traballar en domingo demostran que o modelo tan gabado na inauguración do centro en Vigo por Abel Caballero só ten de mérito construír un caldo de cultivo permanente de degradación de condicións de traballo, de flexibilizar horarios e adaptalos en ocasións aos centros comerciais e de ocio onde se emprazan impedindo a conciliación e descanso lexítimos dos cadros de persoal».
Marea de Vigo pide á cidadanía viguesa apoio e comprensión a un cadro de persoal que por exemplo «reclaman 12 descansos en sábados e domingos ou ter dereito a que as vacacións da primeira quenda non comecen en maio durante o curso escolar dos nenos e nenas».
«Que convertamos Vialia nun lugar onde imos a pasar o rato, modelo de ocio que nunca debe alentar unha administración pública responsable, non debe facer esquecer que eses momentos de ocio que temos as veces non son compatibles coas conciliacións laborais da xente que traballa», sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.
Marea de Vigo pide a Abel Caballero «a mesma efusividade» coa que «axitaba a bandeiriña da cadea e gritaba Viva Primark» para defender os dereitos dos traballadores da empresa, do seu lexítimo dereito ao descanso e a retribución económica digna cando se traballa en domingo ou sábado e a que «unha empresa con millóns de euros de beneficios en todo o mundo non empregue o bloqueo da negociación colectiva, o fomento do sindicalismo amarelo e corporativista para destruír dereitos e condicións laborais». «Mesmo o alcalde debe preguntarse se todo o cadro de persoal que estaba o día da inauguración, moita trasladada de outras cidades, sigue a data de hoxe existindo ou foi unha posta en escena para unha montaxe teatral calculada», sinalan.