A concelleira Oriana Méndez subliña que «no parque móbil de Lavadores existen ducias de elementos de valor patrimonial evidente amoreados sen control, en moitos casos ao aire libre e sen inventario actualizado»
Marea de Vigo exixiu hoxe o inventariado e catalogación urxente dos elementos patrimoniais retirados da vía pública e que, segundo informan, estanse a «almacear sen control no parque móbil de Lavadores».
Neste sentido, a concelleira Oriana Méndez considera que o proceso de demolición do paso elevado sobre a Rúa Alfonso XIII «foi unha auténtica chapuza». A retirada das balaustradas de pedra e dos elementos metálicos «foi realizada con maquinaria esnaquizando gran parte dos elementos e sen ningún coidado, pese mesmo a que diversos colectivos patrimonialistas preavisaran da importancia arquitectónica de todo o conxunto, proxectado por Jenaro de la Fuente». .
O seu posterior traslado ás dependencias do parque móbil sen inventario nin catalogación «súmase ás ducias de elementos patrimoniais retirados das vías públicas como os populares farois fernandinos, actualmente amontoados e desmontados no parque móbil; unha instalación municipal que se desmantela pouco a pouco, con cada vez menos persoal e onde xa se teñen producido roubos como aconteceu en maio de 2017″, engade a concelleira.
Segundo Oriana Méndez, «non é de recibo que nos mesmos emprazamentos onde apodrecen ducias de vehículos retirados de uso municipal ou entregados polas concesionarias ao rematar o servizo útil, sexan abandonados elementos patrimoniais de alto valor histórico pero tamén de valor sentimental de miles de vigueses e viguesas que lembran como vestían as rúas da cidade antes do pretendido modernismo contemporáneo dos elementos das actuais humanizacións».
Marea de Vigo lembra que urbanísticamente en toda Europa o valor das humanizacións é recuperar os elementos patrimoniais, «e en calquera capital europea os proxectos son deseñados para, precisamente, preservar o valor etnográfico e patrimonial dos elementos preexistentes».
Por este motivo, a formación política esixe o inventario urxente das pedras do antigo colexio alemán e outros edificios patrimoniais de pedra que unha vez desmontados foron trasladados a estas instalacións, inventario que fai extenso as do chalé Agarimo que permanece abandonado dende hai lustros nunha finca na parroquia de Beade.
Para esta función de conservación, inventario, catalogación e posta en valor dos elementos patrimoniais, o grupo municipal pide, en palabras de Oriana Méndez, «aumentar e dignificar o traballo do persoal municipal cuxo centro de traballo é o parque móbil de Santa Cristina, cada vez máis exiguo, con servizos externalizados na súa maior parte (non existen soldadores a pesar de existir un taller nas propias instalacións, como exemplo) e coa ameaza permanente da privatización total do propio parque e os servizos públicos dependentes do mesmo».

