Rubén Pérez: “A protección do noso patrimonio, natural e histórico, e as políticas para a súa conservación debe ser unha tarefa permanente dun Goberno local que aprecie a súa cidade”.
Novamente, e co achegamento ao Nadal, “o Goberno local volve amosar unha falla absoluta de actitude de protección do noso patrimonio histórico e natural” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. “Empregar de novo a alameda da Praza de Compostela, espazo catalogado que inclúe ademais árbores con un alto nivel de protección, é un erro que este Grupo municipal xa denunciou en numerosas ocasións xa que existen factores evidentes de agresión tanto a elementos naturais como patrimoniais” engade.
Marea de Vigo denuncia esta falla por parte do Goberno de Abel Caballero e lembra que esta actitude non só acontece na Alameda da Praza de Compostela, senón que “xa se ten demostrado noutros recintos e espazos municipais coma o pavillón das Travesas e a súa contorna cando se celebrou o concerto de Bryan Adams, cando chegaron a talar árbores e destrozar beirarrúa para facilitar accesos de camións” lamenta Pérez.
Marea de Vigo pide o desenvolvemento dunha ordenanza municipal de protección patrimonial que acote aqueles espazos onde se poden facer eventos, “e sobre todo, que non discrimine” sinala Pérez, en referencia as reiteradas solicitudes por parte de asociacións de libreiros, que quixeron facer a feira do libro no interior da alameda e a proposta foi sistemáticamente rexeitada coa escusa da catalogación de toda a Alameda da Praza de Compostela; “mais, sorpresivamente, ese razoamento non foi utilizado á hora de facer unha feira con postos para que a xente beba e coma no interior do parque sen criterio algún sobre as actividades que se poden facer alí” matiza.
Marea de Vigo demándalle ao Goberno local que reformule a utilización destes espazos para actividades lúdicas “ante o nivel de degradación patrimonial e ambiental que se da con determinados usos lúdicos en elementos catalogados como patrimonio” conclúe o voceiro.

