Rubén Pérez: “Consideramos que esta situación ten que emendarse e cando menos escoitar á veciñanza, que leva reclamando a mellora dos seus barrios en cuestións tan elementais coma os viais, en moitos casos dende hai máis dunha lexislatura”
O voceiro municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, pediu hoxe explicacións ao goberno local pola falta de criterio á hora de levar a cabo o programa de arranxo dos viais. Neste sentido, e toda vez que xa é coñecido o expediente de mellora dos firmes dos viais da cidade, Pérez denuncia que no mesmo “non están a maior parte das infraestruturas que están en peores condicións da cidade”.
“O que se fai con este novo contrato, no se que se divide a cidade en varios lotes e se achega ao millón de euros, é simplemente recuperar proxectos que xa estaban aprobados en Xuntas de Goberno ou que xa formaron parte de supostas humanizacións no rural”, lamenta o voceiro da formación.
Marea de Vigo cualifica como unha “sorpresa” que determinadas zonas de barrios como Freixeiro, Beade, Valadares, ou Cabral non sexan incluídas nas propostas de mellora “cando é coñecido, tralas sucesivas denuncias dos veciños e veciñas, o mal estado dos viais” engade Rubén Pérez.
Un exemplo disto, subliña Pérez, son os accesos á parroquia de Beade, “especialmente desgastados pola proximidade do Hospital Álvaro Cunqueiro e o impacto que isto ten no tráfico da zona”. A situación dalgunha das rúas na parroqua “é absolutamente lamentable, incluso con fochancas que están a producir averías nos vehículos, polo que resulta cando menos estrano non atopar estes camiños na proposta de intervención rápida por parte do Concello” subliña o voceiro.
Marea de Vigo reitera que o Goberno de Abel Caballero tería que ter consultado á veciñanza, ou ter tido en conta as solicitudes e chamadas que chegan a través do 010, como xeito de coñecer certas demandas veciñais, “mais nada se fixo a este respecto e incluso atopamos viais nese listado onde a rodadura esta sorprendentemente e relativamente en boas condicións en comparación con viais contiguos, polo que non sabemos cal é o criterio para seleccionar estes viais como actuacións urxentes” apunta Pérez.
Marea de Vigo seguirá demandando que en cuestións de obra pública e decisións que teñen que ver coa mellora dos barrios se conte coa veciñanza. “Non pasa nada por facer algún tipo de política participativa; parece que neste Concello, onde o cesarismo funciona como instrumento vinculación política permanente non se quere escoitar a veciños e veciñas que levan meses chamando ás portas do Concello para que melloren as súas ruas” conclúe o voceiro municipal.

