Marea de Vigo pide explicacións ao Concello sobre o que está a acontecer na EDAR de Coruxo tralas denuncias veciñais polos fortes olores nos pasados días

EDAR del Lagares.

Marea de Vigo denuncia o escurantismo tanto por parte de Aqualia, que xestiona a infraestrutura, como do propio Concello, por non contestar nin explicar absolutamente nada aos veciños e veciñas da zona sobre o que está a acontecer e demanda ao Concello que garanta todas as condicións sanitarias e de seguridade da planta depuradora

Esta mañá Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, visitou ás instalacións da nova depuradora de Coruxo, tralas denuncias de diversos colectivos veciñais e da propia AAVV de Coruxo con respecto aos fortes olores que se están detectando nos pasados días na contorna da depuradora.

“Despois de sucesivas denuncias nos pasados días, tanto o Concello como Aqualia manteñen un total escurantismo sobre o estado da EDAR – sinala o voceiro -. Esta falta de transparencia o que semella agochar é que esta planta ten unha grande eiva en canto ao mantemento, en contra do que advertira o persoal técnico que participou na construción da depuradora, cando informou que era preciso un mantemento contínuo e preventivo da planta para non volver a ter os mesmos problemas que se tiveron coa antiga EDAR de Coruxo, que resultou ser un auténtico desastre e obrigou á instalación da nova planta”.

Marea de Vigo solicitou no día de onte os informes que  “entendemos que a empresa concesionaria, Aqualia, debe pasarlle ao Concello, informes sobre a calidade tanto da auga coma do aire” apunta Rubén Pérez , co fin de coñecer se o Concello de Vigo é consciente da situación que está a producirse.

Ademais, Marea de Vigo critica que non se completaran aínda as infraestruturas que rodean a planta, como o cinto verde vexetal, “que, en teoría, ía evitar en grande medida que chegasen olores ás vivendas cercanas, así como os impactos visuais” engade o voceiro.

“Cando se presentou esta depuradora,  – lembra Pérez – fíxose coma unha das máis avanzadas de Europa, cunha grande capacidade e garantindo que non produciría ningún tipo de cheiro”. Ao principio da existencia da nova EDAR “ asi foi, mais nos últimos meses, lonxe de tratarse de averías puntuais, as molestias están a producirse dun xeito reiterado e non se lle está dando ningún tipo de explicación ás persoas que viven arredor desta infraestrutura” recalca.