Rubén Pérez: “Instamos ao Goberno local a que colabore co Ministerio na toma de medidas cara ao aforro enerxético e non se poña do lado do ‘trumpismo’ do PP madrileño que, froito das súas políticas negacionistas do cambio climático, vén de anunciar un boicot a estas medidas”

Trala aprobación do Decreto no día de onte, farase efectivo un paquete de medidas que supón un importante cambio en costumes e actitudes das administracións públicas cara ao aforro enerxético. Con estas medidas, que se extenden ata novembro do 2023, “preténdese establecer un aforro enerxético considerable nunha situación de encarecemento da enerxia e no marco dun contexto inflacionista” matiza o voceiro do Grupo, Rubén Pérez.

Dende a Marea de Vigo “consideramos necesario que se fagan políticas de aforro enerxético, comezando polas propias administracións públicas como no caso do Concello de Vigo, que xa ten avanzado ao longo dos últimos anos na substitución das luminarias na vía pública por unhas máis eficientes, aínda que queda moito por facer” afirma Pérez, que lembra que no caso de Vigo, estas medidas afectan directamente a dous contratos que o Goberno local ten lanzado, xa que “van requirir dunha modificacion necesaria” engade.

Un deses contratos ten que ver coa iluminación de Nadal. “Cremos que se os comercios teñen que apagar os seus escaparates ás dez da noite, non é coherente e require dunha reformulación a permanencia da iluminción decorativa da vía pública, nun gasto enerxético evidente – sinala o voceiro -. Outras cidades xa están apostando por outros elementos decorativos non relacionados coa iluminación e animamos ao Goberno de Abel Caballero que faga o mesmo”. Outro contrato no que van ter efecto as medidas é o contrato de iluminación de edificios singulares, contrato ligado a subvencións “que deberá tamén ser revisado” incide Pérez.

Por outra banda, o decreto tamén vai ter efecto na eficiencia enerxética dos edificios públicos, “algo absolutamente necesario no caso da Casa do Concello de Vigo, onde o sistema de calefacción e mesmo o de aire acondicionado dalgunhas dependencias carecen dun mantemento en condicións ao tratarse dun edificio antiguo que precisa dunha reforma estrutural, cuestión que o Goberno local non debe demorar máis en abordar” lembra o voceiro.