Marea de Vigo pide ao Concello políticas serias en materia de vivenda e que se constitúa unha empresa municipal de vivenda

Marea de Vigo considera que anunciar 27 vivendas en réxime de alugueiro social a promocionar por parte do Concello de Vigo é a todas luces un «acto de hipocrisía despois de 8 anos nos que o noso grupo municipal reclamou que o Concello levase adiante políticas de vivenda sen esperar a que outras administracións con competencias as desenvolvesen e mesmo se nos dixera que pedilo era branquear as responsabilidades da Xunta».

O voceiro do GM da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lembra que «levamos vivindo e asistindo nestes últimos tempos a graves situacións nas que se ven inmersas unha gran cantidade de familias en situacións de emerxencia social e habitacional, enfrontándose en moitos casos a circunstancias tan lamentables como desafiuzamentos ou incrementos imposibles de asumir de alugueiros; circunstancias que requiren dunha resposta colectiva e inmediata. A Lei 7/85 reguladora das Bases do Réxime Local, modificada pola Lei 27/2013, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local establece que os Concellos poden promover toda clase de actividades e prestar cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal. Entre elas a de promoción de vivenda e creación de parques de alugueiro público».

Marea de Vigo xa propuxera ao pleno en maio de 2016 a creación dun parque de vivendas, moción por certo rexeitada polos votos do Partido Socialista. A proposta de Marea de Vigo consignaba un parque de vivendas que contaría coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREV ou outros organismos públicos mediante convenio.

Igualmente Marea de Vigo sigue a defender que sexa unha absoluta prioridade no desenvolvemento do futuro PXOM o desenvolvemento directo mediante unha empresa pública de vivenda constituída ou pola propia xerencia de urbanismo das tres grandes pezas urbanísticas que conteñen vivenda protexida no futuro PXOM: o ámbito de Santa Cristina-Lavadores, o de Ofimático-Avenida de Madrid e Guixar-Campsa. «Xa pediramos no pleno que sexan as primeiras actuacións a desenvolver unha vez aprobado o Plan evitando que non se execute a vivenda pública e simplemente quede, como outros contidos no PXOM do 2008, como ámbitos de alta presencia en VPO para rebaixar a mesma noutros ámbitos e igualar a media legal en todo o Plan» indica Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo.

Marea de Vigo tamén lembra que xa propuxo reservar cando menos un 10% da vivenda en réxime de VPO promocionada directamente polo Concello ou obtida a través dos aproveitamentos lucrativos dos convenios urbanísticos asinados como vivenda de emerxencia social, de titularidade pública e conformada nun Parque Municipal de Vivenda de Emerxencia Social para as familias e persoas máis vulnerables. «Todo co rexeitamento dun goberno local que agora anuncia 27 vivendas nun alarde electoralista pouco críbel», recordan.