Marea de Vigo pide a exención de pago nas escolas infantís municipais para as familias con rentas per cápita menores a 500 euros neste 2021

Oriana Méndez: “Nun ano especialmente dificil para as familias en termos económicos, con subidas substanciais de alugueiro e de luz e no que non haberá descontos en cuestións tan relevantes como a auga, o lixo ou o IBI, son precisas este tipo de axudas”

Marea de Vigo considera que o catálogo de escolas infantís de titularidade municipal segue sendo pequeno polo que, segundo Oriana Méndez, “o Concello debe facer uso dos remanentes de tesourería, tal e como expresamos na emenda aos usos dos mesmos presentada no pasado mes de novembro, para abordar a construción de, alo menos, tres novas escolas infantís municipais”.

“A pesar de que a nova lei autonómica obriga a cofinanciar escolas infantís e os recursos educativos dispoñibles a nivel municipal están a deitarse nese sistema inxusto de cofinanciamento, estes recursos deberían servir para diseñar un plan de apertura de escolas infantís e centros de día municipais que priorice os barrios en base a realidade socioeconómica dos mesmos, garantindo a apertura de máis centros que completen a falla de prazas en escolas infantís e centros de día xa endémica na cidade” detalla Oriana Méndez.

Por outra banda, Marea de Vigo apoia e anima ao Concello a seguir adiante co contencioso do Concello contra a Xunta polo copago nas escolas infantís e centros de día con titularidade autonómica. “É absolutamente inxusto e está totalmente xustificada a xudicialización deste abuso, e pedímoslle ao Concello que recurra a recente sentenza na que se da a razón á Xunta”.

“É necesario, en todo caso, reforzar a oferta pública de escolas infantís de 0 a 3 anos, para evitar que moitas familias se vexan abocadas a acudir ás escolas privadas” conclúe a concelleira”.