Marea de Vigo levará ao vindeiro pleno unha moción sobre a grave situación da sanidade pública ante a posibilidade dunha nova saturación

Los concejales del grupo municipal en una rueda de prensa en el Concello.

A moción foi elaborada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e será presentada en concellos, deputacións provinciais e no propio Parlamento de Galicia

O Grupo municipal da Marea de Vigo dará traslado no Pleno do vindeiro mércores á moción de SOS Sanidade coa que se pretende alertar que “nos inicios dunha nova onda de contaxios e hospitalizacións os recursos sanitarios en Vigo e no conxunto das áreas sanitarias seguen sendo insuficientes, e moitas das medidas que se están a tomar dende a administración sanitaria están sendo á conta da saúde xeral” apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

“A moción – prosigue a concelleira – denuncia a situación vivida nas primeiras etapas da pandemia, coas camas hospitalarias e as UCIS baixo presión ante o acúmulo de persoas afectadas, mentres que os Centros de Saúde destinaron unha gran parte da súa actividade a atender a enfermidade, informar á poboación, rastrexar, seguir a novos casos ou realizar numerosas actividades burocráticas relacionadas coa pandemia”. Nesta circunstancia, “é cando os recortes de recursos dos últimos 11 anos e as precarias condicións de boa parte do persoal sanitario tradúcense na saturación dos Centros de Saúde” engade Oriana.  “Co argumento de evitar o colapso dos hospitais, suspendéronse consultas, probas diagnosticas e intervencións cirúrxicas. Estímase que en Galicia paralizáronse ao redor de 3.000 das intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas” explica a moción.

Igualmente, a moción denuncia que “durante a primeira onda pecháronse centros de saúde e limitouse o acceso aos mesmos, substituíndo a consulta presencial pola telefónica (en moitos deles a única posibilidade de contactar ca poboación, con demoras de máis de 15 días) e reduciuse o aforo das salas de espera obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros para recibir atención”.

Do mesmo xeito, a plataforma alerta que o SERGAS “non proporciona información da incidencia de casos en cada localidade, impedindo asi coñecer os contaxios en cada municipio”.

“Ante a evidencia que nesta segunda ola a situación sexa incluso peor no tocante ao sistema sanitario, pediremos que se incremente o orzamento sanitario e que se garantan fondos estatais destinados a sanidade pública en Galicia. Que se poña fin as restricións de acceso aos Centros de Saúde, sendo a atención telefónica un complemento á atención presencial, ademais de pedir o reforzo da atención primaria, o reforzo dos servizos hospitalarios e unha maior participación dos concellos na loita contra a COVID nas áreas sanitarias galegas” conclúe Oriana Méndez.