Marea de Vigo leva ao pleno unha moción urxente para implantar medidas ante o novo estado de alarma

Os voceiros do grupo, Rubén Pérez e Oriana Méndez, nun pleno municipal.

Rubén Pérez: “Queremos que se debata sobre a implicación real do novo decreto e que se aproben urxentemente medidas económicas para axudar aos sectores máis vulnerables”

Marea de Vigo vén de rexistrar unha moción urxente para ser debatida no vindeiro Pleno do mércores ante o decreto dun novo Estado de Alarma no día de onte, que obriga á toma de determinadas medidas polas administracións públicas.

Marea de Vigo aposta porque, «cun Estado de Alarma que se vai prolongar previsiblemente ata maio, todas e cada unha das medidas que se foron propoñendo nos últimos meses, sexan implementadas definitivamente». «Debemos debatir sobre todas estas cuestións no vindeiro Pleno, e é preciso declarar xa a cancelación de certas actividades que este Goberno local pretende levar adiante contra toda lóxica e ante a situación epidemiolóxica que estamos vivindo», subliñou Pérez.

Así mesmo, o voceiro de Marea de Vigo abogou por «reorientar inmediatamente certos recursos a políticas de promoción económica, sobre todo para o sector da hostalería e o comercio, que van vivir un Nadal previsiblemente moi negativo». Ao que engadiu: «Non se pode propoñer un novo orzamento para o 2021 baseado en humanizacións e outras cuestións que agora mesmo non son prioritarias para a veciñanza viguesa. Todos os recursos deben dirixirse a crear un muro de contención para poder paliar todas as eivas en materia económica, de emprego e tamén en exclusión social que vamos a vivir nos vindeiros meses».

Do mesmo xeito, Marea de Vigo tamén reitera a necesidade de reforzar a atención primaria e os servizos hospitalarios para evitar un novo colapso que retrase novamente operacións cirúrxicas e diagnoses urxentes.