Marea de Vigo leva ao pleno municipal a situacióm laboral nas concesionarias

O candidato da coalición, Rubén Pérez Correa.

Marea de Vigo solicitará ao Concello de Vigo que non se inhiba ante a escalada da conflitividade laboral e os reiterados incumprimentos de pregos en materia laboral que se cronifican en moitos servizos municipais externalizados

O voceiro do gurpo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, anunciou hoxe a moción que o grupo levará ao Pleno do Concello de Vigo do vindeiro mércores 28 de decembro coa que pretende denunciar a situación que vive a contratación pública municipal. Nesta moción denúnciase que dende hai anos o concello vén de desbotar ou mesmo privatizar xestións públicas, optando pola concesión administrativa como único modelo de xestión dos servizos públicos esenciais.

Na actualidade, en Vigo permanecen abertos numerosos conflitos colectivos en concesións administrativas, dende a tentativa de descolgue salarial planeada polo grupo Avanza para o persoal de Vitrasa, os graves incumprimentos de Servisar no relativo ao abono de incrementos salariais vencellados ao IPC ao persoal do Servizo de Atención no Fogar, os sucesivos desencontros en limpeza de escolas, edificios e dependencias municipais, incumprindo en numerosas ocasións (como vén de denunciar Marea de Vigo reiteradamente) os pregos das concesións.

Para o voceiro da Marea de Vigo, “reducir estes conflitos á escala das relacións laborais de empresas privadas é non cumprir o papel fiscalizador da administración, papel que debería ser permanente e notoriamente público en cuestións tan centrais coma o cumprimento das obrigas con respecto á cualificación ou categorías laborais, dereitos laborais ou sociais do persoal. Así o indican os artigos 249 e 279 do TRLCSP onde recoñecen á Administración contratante, neste caso o Concello de Vigo, a potestade de vixiar e controlar o cumprimento das obrigas do concesionario para garantir a boa marcha do servizo público que xestione o concesionario”.

A moción que se discutirá no pleno insta ao Concello de Vigo, en base á posibilidade de xestionar de xeito público directo todos e cada un dos servizos públicos actualmente desenvolvidos baixo a fórmula de concesión administrativa, a realizar estudos para a reversión dos mesmos á xestión pública no momento da finalización da súa vixencia administrativa optando de xeito preferente sempre por este modelo en todos os procesos de contratación. 

Do mesmo xeito, insta a dar cumprimento do artigo 131 nomeando un interventor técnico antes da finalización do prazo de cada concesión para a auditoría do mesmo e dos elementos materiais adscritos e á apertura local de expedientes informativos en todas e cada una das concesións administrativas que actualmente teñen abertos conflitos colectivos en materia de cuestións de carácter laboral penalizando nos pregos concesionais de xeito máis gravoso os incumprimentos en materia de convenios colectivos, categorías ou que comporten accións de descolgue salarial ou de contidos dos convenios colectivos de referencia.