Marea de Vigo leva a pleno a situación dos retrasos e falla de frecuencia do transporte ferroviario entre A Coruña e Vigo

Marea de Vigo e Podemos mantiveron a semana pasada unha xuntanza coa plataforma de persoas usuarias do tren de media distancia Vigo-Coruña e cualifican a situación dos horarios e retrasos como «xa insostible», polo que trasladarán ao pleno do Concello unha moción para solicitar «de xeito urxente» medidas que eviten que o ferrocarril sexa «un inconvinte e non unha oportunidade para a mobilidade sostible entre as dúas maiores cidade de Galicia»

A moción lembra que o Pleno do Concello do día 25 de Maio de 2022 debateu unha moción solicitando a mellora do servizo ferroviario de Media Distancia: reposición dos servizos eliminados pola pandemia, oferta de servizos de media distancia en convivencia coa longa distancia pero útil en horarios para o uso cotiá de traballadores e estudantes, mellorar a fiabilidade e puntualidade dos servizos e adaptar a política de prezos mellorando os abonos. «Pese a este debate un ano despois seguimos nunha situación de falla de reposición de todas as frecuencias ao que se suma os graves retrasos nas chegadas» sinala o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Toda esta situación está a producirse incluso pese a que o Ministerio de Transportes (en consonancia coas demandas da sociedade civil, os incrementos dos custes dos combustibles e os compromisos adquiridos no marco da Axenda 2030) recoñeceu a necesidade de realizar melloras na media distancia e implantando finalmente abonos gratuítos para favorecer o uso masivo para persoas usuarias recorrentes dos servizos ferroviarios de media distancia na mobilidade cotiá.

A moción denuncia tamén que existe un desaxuste de horarios nas horas de entrada e retorno laborais máis acusadas en Vigo e A Coruña, extremos do Eixo Atlántico. Non hai trens na modalidade de Media Distancia que é a que ofrece tempos mais competitivos que cheguen a Vigo ou a Coruña antes das 8 e a Santiago chegan cos retrasos rozando as 8. Dende A Coruña non hai trens entre 15:00 e 17:00 para que os vigueses volten e o mesmo acontece nas últimas horas da tarde nas que moitos vigueses ou non teñen tren dende a Coruña ou Santiago de Compostela ou teñen que recorrer a trens rexionais con penalización de tempos e conciliación persoal.

Do mesmo xeito, falta fiabilidade no servizo por atrasos, incidencias e avarías e cómputo arbitrario da hora de chegada que é obxecto dun Plan de Mellora da Puntualidade exixido a Renfe e Adif polo Goberno.

A moción que defenderá o Grupo Municipal de Marea de Vigo no pleno considera que «xa que este servizo atende, principalmente, a usuarios recorrentes con desprazamentos asociados ao traballo ou aos estudos e, polo tanto, son necesarios para permitir a conciliación familiar e garantir a igualdade de oportunidades, faise imprescindible unha posición máis dinámica e facer unha revisión da oferta programa de servizos públicos ferroviarios 2018 – 2027 para atender, como contempla o contrato programa ás necesidades e aumento de demandas xurdidas nestes últimos anos, ben polo cambio de costumes derivados da pandemia, pola concienciación ambiental ou polo aumento desmedido dos custos que conduce a un maior uso do transporte público colectivo».