Marea de Vigo lamenta que o Alcalde queira “escapar” das competencias municipais en materia de loita contra a pobreza

Rubén Pérez: “Dicir que a xestión do albergue non é unha competencia municipal é mentir e ademais ir contra o espírito da propia FEMP, que leva anos defendendo que sexan os concellos os que teñan competencias en materia de loita contra a pobreza”

Marea de Vigo lamentou hoxe que o Alcalde queira “escapar” das competencias municipais en materia de loita contra a pobreza cando afirma que debe ser a Xunta quen financie o Albergue Municipal.

Proximamente o Concello de Vigo vai proceder á licitación da xestión do Albergue municipal, espazo onde se lle da aloxamento todos os días a ducias de persoas en situación de exclusión social e de rúa. Ante este feito, e de xeito “totalmente sorpresivo”, segundo Rubén Pérez, o Alcalde de Vigo fixo unha rolda de prensa na que asegurou que a xestión do Albergue debe ser asumida e financiada pola Xunta, “entrando outra vez nesa permanente e ridícula disputa entre as dúas administracións pola asunción das competencias de cada quen” lamenta Pérez.

Marea de Vigo lembra que a Lei de Bases, que regula cales son as competencias dun concello, “deixa claro que no artigo 25.E que é o Concello quen ten que avaliar as distintas situacións das persoas usuarias e ofrecer atención inmediata” apunta o voceiro. É dicir, se hai unha persoa durmindo na rúa, “a responsabilidade inmediata é do Concello, e por iso os concellos teñen albergues municipais” aclara. No caso do Concello de Vigo, dase a casualidade que hai unha cesión dun edificio por parte dunha entidade relixiosa, “pero moitos outros concellos o constrúen diretamente ou teñen outros mecanismos de realoxamento” engade.

Rubén Pérez suliña que afirmar que a xestión do albergue non é unha competencia municipal “é mentir e ademais ir contra o espírito da propia FEMP, que leva anos defendendo que sexan os concellos os que teñan competencias en materia de loita contra a pobreza”, precisamente por ser a institución máis cercana á cidadanía na que interactúan varios servizos públicos municipais como a policía, ou os servizos sociais.

Marea de Vigo considera que se o que se quere é que a Xunta tamén financie, tendo en conta que na actualidade un de cada catro euros son xestionados polo municipio, “entramos noutro debate, e o que tería que pedir o Goberno local, tendo en conta a escaseza de prazas no devandito albergue, é que a Xunta constrúa ou desenvolva outra alternativa habitacional para reforzar o servizo” engade Rubén Pérez.

Igualmente, Marea de Vigo lembra que o Concello non está cumprindo coa sua responsabilidade con respecto ao á conversión do albergue nun centro de Inclusión Social, “algo demandado de xeito reiterado por parte dos colectivos sociais que operan na cidade – afirma o voceiro -. Non se trata dun lugar onde soamente se poida durmir, comer ou ducharse, senón que se deben ofrecer mecanismos para poder garantir o acceso a todos os dereitos ás persoas usuarias e axuda efectiva para levar a cabo os seus proxectos de vida”.

“É lamentable ver a un alcalde escapar destas competencias para escoitalo dicir que ten competencias nas bolsas de inglés, algo absolutamente denigrante para moitas persoas. A cuestión reside en que si que se pode facer a foto con mil nenos e nenas no Mar de Vigo pero non coa pobreza que vemos cronificarse todos os días na nosa cidade” conclúe o voceiro municipal.