Rubén Pérez: “O horario dalgúns espazos como a Pinacoteca, que só abre tres horas ao día, ou a inexistencia de apoio municipal a iniciativas culturais da cidade reflicten esa falla de vontade política para levar a cabo calquera planificación cultural”

A partir dos datos de ocupación turística, os máis relevantes dos últimos anos, “é xa un feito que as cidades galegas están vivindo un forte incremento da afluencia turística” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. Mais mentres que noutras cidades galegas existe unha importante oferta cultural e museística, “en Vigo seguimos á cola e están sendo recorrentes as queixas por parte das e dos turistas sobre a pouca oferta expositiva nos museos, algúns pechados, así como da escaseza de horarios” lamenta o voceiro, poñendo coma exemplo o caso da Pinacoteca, que só abre de seis a nove da noite.

Pérez lembra que se trata dunha situación “que o Grupo municipal da Marea de Vigo leva anos denunciando”, a falla de planificación cultural. “Unha persoa que visita a nosa cidade, ademais de pasear ou de disfrutar da nosa gastronomía, pouco máis ten que facer, indo en moitas ocasións cara ás periferia ou a outros concellos limítrofes de costa” incide.

Marea de Vigo considera que Vigo “podería perfectamente ter unha oferta cultural moito máis relevante, que reflectise unha cidade de trescentos mil habitantes na que existen moitas expresións culturais diferentes e na que existen moitas persoas creando dende o punto de vista artístico” apunta o voceiro. Mais a falla de planificación, recorrente nos veráns, “este ano se cabe nótase máis dado o alto número de visitantes, que chegan a cidade e atopan unha oferta cultural esclerótica, con museos pechados e en moitos casos con apenas exposicións, quedando en moitos casos únicamente as exposicións permanentes, coma o caso da Casa da Cultura” detalla.

Marea de Vigo insiste en que O Concello de Vigo “ten recursos económicos suficientes e a posibilidade de planificar un verán cultural moito máis ambicioso, moito máis aló dos diferentes concertos en Castrelos e en distintas partes da cidade”. Para o voceiro, isto “é un mal que se repite ano tras ano e semella que o Goberno de Abel Caballero segue pensando que a cidadanía viguesa e o seu turismo é de segunda e non pode ter ofertas culturais e museísticas á altura do resto das grandes cidades do país” conclúe.