Marea de Vigo insta ao goberno local a recorrer a sentenza do TSX na que se condena ao Concello á concesión dunha licenza a un local de apostas na Florida

“Sería moi nocivo que puidera albergarse a dúbida de que o mesmo empresario responsable do programa TerraCeo e do Auditorio Mar de Vigo, co que o alcalde se fai fotos en todos os concertos, teña algún tipo de trato de favor con respecto á concesión de licenzas urbanísticas” alerta Rubén Pérez

Ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se condena ao Concello a tramitar unha licenza de un local de apostas e xogo na rúa Florida, Marea de Vigo insta ao Concello a presentar recurso de casación contra este fallo, “con independencia de que o empresario sexa o mesmo que organiza o programa TerraCeo e o mesmo que xestiona o Auditorio Mar de Vigo” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.                                                                           

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

“Non se entendería que puidese existir algún tipo de relación entre a relaxación do Concello con respecto ao seu compromiso con evitar a proliferación da ludopatía na nosa mocidade ou co compromiso por facer valer a lexislación urbanística e o vínculo co empresario co que o alcalde se fai fotos en todos os concertos do TerraCeo, tendo este algún tipo de trato de favor con respecto a licenzas urbanísticas” recalca o voceiro.

Marea de Vigo pedirá que se leve a cabo o recurso de casación e que «o Concello se comprometa dunha vez a acabar con este tipo de negocios na cidade de Vigo,  dificultando a súa implantación a través da non permisividade de publicidade exterior, a través de controis permanentes da Policía Local pola existencia ou a participación de menores nestes lugares”.  “O que non pode volver a suceder – incide Rubén Pérez -, é o mesmo que sucedeu durante o pasado ano, cando estes locais, que moitas veces teñen anexo un servizo de bar, mentres a hostelaría estaba paralizada, tiñan mozos e mozas dentro e funcionaban como bares encubertos”.

Marea de Vigo se define como “absolutamente belixerante” con este tipo de negocios, “especialmente perigosos no contexto actual, no que, coa situación derivada da crise covid moitos mozos e mozas que non acceden ao mercado laboral poidan ver como o xogo e as apostas como unha maneira de ter ingresos e de ai derivar en ludopatias” explica Rubén Pérez. “Esta cuestión é meridianamente clara e imos esixir na Xerencia de Urbanismo do martes que vén que o Concello de Vigo presente o recurso de casación e intente paralizar este negocio, atopándose este moi cerca de espazos ocupados por menores (moi preto da Praza da Miñoca e do Conservatorio de Música) e polo tanto incumprindo a Lei de Xogo de Galicia e toda vez que sabemos que o Comité de competencia de Galicia pretende relaxar aínda máis as restricións a novos locais de xogo, entendendo isto como un perigo ao poñer por diante os beneficios de empresarios sen escrupulos que queren encher as nosas rúas de casas de apostas” conclúe o voceiro.