Rubén Pérez: “O feito de que o proxecto de ZBE de Barcelona esté baixo xudicialización non implica que se teña que parar en Vigo”
Marea de Vigo quere poñer de manifesto que o establecemento de Zonas de Baixas Emisións é unha normativa que se ten que aplicar en todas as cidades do estado de máis de 50.000 habitantes. “O feito de que o proxecto de ZBE de Barcelona esté baixo xudicialización non implica que se teña que parar en Vigo” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, que lembra que “xa hai 59 cidades coas suas delimitacións acordadas e en proceso de aprobación”, tendo en conta que o Goberno do estado está preparando actualmente un decreto de urxencia para dar seguridade xurídica ás mesmas.
Marea de Vigo quere lembrarlle ao Goberno de Abel Caballero que é obrigatorio ter establecidas as ZBE coas limitacións de tráfico análogas a elas antes do fin de 2023, “tratándose ademais dun consenso na Unión Europea, na acción do Goberno do estado e nos traballos da propia Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)” e o feito de que estea xudicializada en Barcelona a proposta formulada polo concello, “non exime ao resto dos concellos, como o de Vigo, de traballar xa no consenso cidadá sobre onde e como se implementarán estas zonas na cidade” matiza o voceiro.
Marea de Vigo considera que Vigo xa tiña que estar nesta concreción, “en consonancia con todo o desenvolvemento normativo que xa está en marcha” engade Pérez. Dende a Declaración de Emerxencia Climática (liña prioritaria nº 17), o propio Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 (apartado 3.2 – medida 2.1), o Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica (medida T.1.2), ata a determinante Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética8 (Artigo 14.3.a), que establece de maneira taxativa que os municipios españois de máis de 50.000 habitantes, os territorios insulares e os municipios de máis de 20.000 habitantes cando se superen os valores límite dos contaminantes regulados en Real Decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, deberán adoptar, antes de 2023, plans de mobilidade urbana sostible que introduzan medidas de mitigación, que permitan reducir as emisións derivadas da mobilidade incluíndo, entre outras, o establecemento de Zonas de Baixas Emisións.
Mais, “lonxe de diminuir, na nosa cidade cada día entran miles de vehículos, un 65% son tránsitos intraurbanos tal e como recoñece o propio PMUS que vén de ser actualizado” explica Rubén Pérez. Recentemente, a ONGD Amigos da Terra, en boca do seu voceiro en Vigo, Antón Lois, sinalaba que «soamente coa redución da velocidade de xeito real a 30 km no centro aforraremos 27 millóns de litros de combustible ao ano, por non falar do aforro en contaminación acústica, saúde, e evitaríamos preventivamente o encarecemento dos combustibles fósiles baratos que xa amosan un esgotamento extractivo que se dimensiona tamén no alza do prezo da electricidade».
Marea de Vigo afirma que debe establecerse unha comisión de traballo plural e participada polo propio movemento ecoloxista vigues, “nomeadamente Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, colectivos que xa presentaron unha Guía para a Implantación de Zonas de Baixas Emisións nas rúas de Vigo que pode ser un inicio interesante para facer unha verdadeira mobilidade sostible, zonas que están perfectamente amparadas pola lexislación vixente e que en Vigo teñen que implantarse de xeito inmediato ante as altas emisións de contaminación e saturacións de ruído por enriba das recomendacións da propia OMS no centro urbano” explica o voceiro.
Marea de Vigo suliña que en setembro do ano pasado foi aprobada en Pleno unha moción que instaba ao Goberno local a, en base a Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera, e co fin de minorar os danos que desta poidan derivarse para as persoas, o medioambiente e demais bens de calquera natureza; dar cumprimento ao artigo 16.4 da devandita Lei habilitanto medidas de restrición total ou parcial do tráfico, incluíndo restricións aos vehículos máis contaminantes, a algunhas matrículas en base a súa catalogación industrial definindo Zonas de Baixas Emisións e horarios para as mesmas.