Marea de Vigo insta ao goberno local a axilizar a aprobación da ordenanza de Mobilidade Sostible tendo como eixo central a bicicleta e a mobilidade a pé

No día mundial da bicicleta, Marea de Vigo insiste na necesidade de desenvolver a ordenanza municipal de Mobilidade Sostible, “á que os grupos municipais presentamos aportacións xa no ano 2017 mais desde entón nada máis se soubo” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal

No Vigo de hoxe coexisten novas e vellas fórmulas de mobilidade sostible, “hai cada vez máis persoas usuarias de bicicletas coma instrumento de mobilidade e non exclusivamente de ocio ou deporte, así como patinetes eléctricos e mesmo persoas que empregan cada vez máis os desprazamentos a pé como os camiños escolares seguros” apunta Rubén Pérez.

“Non ter claro como organizar a mobilidade e non dispoñer dunha ordenanza clarificadora é un problema serio que Vigo ten que resolver xa. Non se planificaron as importantes obras na malla urbana que reducían os espazos aos vehículos particulares con propostas análogas de mobilidade sostible e fomento do uso do transporte colectivo de pasaxeiros” denuncia o voceiro.  “Debería ser urxente nesta lexislatura actualizar e dinamizar un Plan de Mobilidade Sostible para a cidade e aprobar as ordenanzas necesarias e os orzamentos axeitados para facelo» engade.

Xa no ano 2017, Marea de Vigo consideraba “acertada” a concreción dunha ordenanza sobre mobilidade sostible, mais “entendemos que esta debe artellarse dentro das liñas estratéxicas do PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE (PMUS) aprobado polo Concello de Vigo o 27 de xuño de 2014 onde se recollía coma un dos obxectivos a mellora das condicións de mobilidade peonil e ciclista”.

Marea de Vigo reitera por tanto neste Día Mundial da Bicicleta o contido dos acordos da moción presentada no pasado ano 2019, na que se detallaban medidas concretas para á transicion da cidade cara a unha mobilidade sostible e acorde coa defensa do medioambiente.

“Aprobar de xeito inmediato esa ordenanza de mobilidade que leva anos nun caixón e introducir en todas as convocatorias do consello municipal de transporte un punto sobre mobilidade sostible no que abordar a súa incidencia tamén sobre o transporte público na cidade son duas accións necesarias para comezar a falar de sostenibilidade na mobilidade na cidade de Vigo”.