Marea de Vigo considera acertada a mostra de vontade negociadora por parte dos sindicatos coa desconvocatoria da folga do servizo de bombeiros de Vigo que, “de facto, obrigaba a reforzar o servizo pola vía indirecta xa que o decreto de servizos mínimos era tan abusivo que practicamente impedía o dereito de folga do persoal” explica Rubén Pérez

O voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera “exemplar” a mobilización sostida do cadro de persoal do servizo de bombeiros de Vigo, “cunha pacienca case penitencial ante un Goberno local xordo e sen vontade de emendar a gran atrocidade do decreto obrigatorio de reforzos que, obviamente foi anulado por sentenza xudicial”. “Agora, sen o comodín dos servizos mínimos, e cunha sentenza demoledora que anula a decisión que obrigaba ao persoal a realizar reforzos obrigatorios ante a propia falla de persoal para completar as saídas de bombeiros en cada actuación, o concello xa non ten máis escusas que lle axuden a ocultar as carencias no servizo” engade Rubén Perez. “Era algo inaudito nunha administración local: obrigar a facer horas extras por decreto” matiza.

Marea de Vigo lembra, segundo Rubén Pérez, que “ao fallo xudicial do pasado mes de febreiro de 2020 súmanse varias sentenzas que abordan a nefasta política de persoal do Concello en materia de reforzos e horas en diversos servizos municipais, sentenzas de suma importancia en canto á violación de dereitos laborais, algo que se espera inconcibible dun Goberno que di defender os dereitos das e dos traballadores, contando incluso entre elas con cuestións tan graves coma a represión sindical, coma o caso do traballador da oficina de inmigración, pola que o Concello foi condenado a pagar unha multa”.

Marea de Vigo exise a reacción inmediata do Goberno de Abel Caballero, que, segundo o grupo, “xa non ten como escusa a convocatoria de folga nin pode empregar uns servizos mínimos decretados abusivamente que de facto significaban o 100% do servizo, eliminando así o propio dereito á folga”. “Agora ten que mover ficha o Goberno e poñerse na mesa de negociación a traballar sen actitudes incendiarias” matiza Rubén Pérez.

Igualmente, Marea de Vigo reitera o expresado cando se coñeceu a sentenza que anulaba os reforzos obirgatorios no servizo de bombeiros: “Cremos que xa é hora de que o Goberno local mude por completo o xeito de actuar ante o persoal municipal, mesmo os feitos que levaron nesta ocasión á convocatoria da folga, son absolutamente inaceptables. Non se pode ir asinando decretos de xeito unilateral evitando a negociación coa representación dos traballadores e traballadoras, e dende logo que non se pode pasar por enriba da lexislación laboral, como levan facendo nos últimos anos e tal e como a xustiza en moitos casos viu corroborar” conclúe Rubén Pérez.