Marea de Vigo insiste na necesidade de ampliar o servizo de salvamento e socorrismo nos areais vigueses en coherencia coa ordenanza municipal de praias

Playa de Samil

“En abril do 2019 aprobouse no Pleno unha moción da Marea de Vigo neste sentido, no que se pedía a ampliación do servizo conforme reflicte a ordenanza de praias así como a mellora do propio servizo, tras reiteradas demandas do persoal. Dous anos máis tarde, o acordo está sen cumprir” apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo

Ante os recentes anuncios por parte do alcalde, Abel Caballero, Marea de Vigo lembra que “non só é a súa obriga como Goberno local garantir un servizo de salvamento e socorrismo, sendo isto unha competencia municipal, senón que ese servizo tería que darse segundo marca a ordenanza municipal de praias, na que se reflicte que o período no que se deben dar os servizos debe ser dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro” sinala a concelleira. “Polo tanto -detalla Oriana Méndez-, hai unha contradición entre o contrato coa concesionaria e a ordenanza vixente”.

Alén disto, Marea de Vigo tamén reclama unha ampliación de horarios, “non ten sentido que haxa praias onde o servizo só funcione de catro a oito da tarde” engade. A concelleira lémbralle ao Goberno local que “debe atender as demandas do persoal, tal e como lle foron trasladadas a través de varios escritos remitidos ao Goberno local por medio do rexistro do Concello, entre as que están estas ampliacións de horarios e datas que levamos demandando tamén desde a Marea de Vigo nos últimos anos”. “As praias da nosa cidade reciben cada ano máis persoas usuarias; ademais de vigueses e viguesas, son cada vez máis as e os turistas que enchen as nosas praias durante os meses de verán e iso require un servizo acorde que garanta a seguridade de todas estas persoas” conclúe a concelleira.