Marea de Vigo fai un chamamento ao Goberno local para que comece a actuar a prol do emprego digno e de calidade

Rubén Pérez: “O Concello ten que vindicar e facer todo o posible para que o emprego público directo e indirecto a través das concesionarias sexa de calidade: Ten que esixir ás concesionarias o cumprimento dos pregos e dos convenios colectivos e ten que executar a totalidade os orzamentos en materia de emprego público”

Marea de Vigo fai un chamamento ao Goberno local para que o Concello de Vigo actúe como unha institución proactiva ante as complexas situacións laborais complexas e inxustas que se están dando no entorno laboral do Concello, tanto internamente como de xeito externo a través de concesionarias

Hoxe, xornada mundial do Emprego Decente, Marea de Vigo súmase ás reivindicacións das organizacións sindicais no seu pulo por un emprego digno e de calidade “nun momento no que ademais a patronal está a abafar o dereito de negociación colectiva e o papel das administracións públicas ten a obriga de dar resposta a esta situación de bloqueo” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

En primeiro lugar, no tocante ao emprego público e aos Plans de Emprego, “consideramos que non executar máis de 14 millóns de euros do capítulo 1 dos orzamentos municipais incluíndo o non ter desenvolvido os Plans de Emprego municipais, significa que o Concello é unha administración pública que fai unha deixación de funcións total no que ten que ver co emprego público” lamenta Rubén Pérez, xa que “nin se cubren todas as prazas de emprego público nin se abren as bolsas de contratación”, feitos que segundo a Marea de Vigo, “poderían aliviar a situación endémica que ten esta institución local”, ou comezar a cambiar “esa querencia que ten o Goberno de Abel Caballero por externalizar e privatizar” engade.

Por outra banda, Marea de Vigo insta ao Goberno de Abel Caballero a que esixa ás concesionarias, “que por desgraza xestionan os nosos servizos públicos municipais” matiza Perez, o cumprimento das cláusulas que figuran nos pregos administrativos en materia laboral. “Isto vai por Vitrasa, que segue exprimindo ao cadro de persoal coa ameaza do descolgue salarial, e isto vai polo SAF, onde a empresa Domus Vi estase negando a cumprir o convenio colectivo os acordos relativos aos salarios” sinala o voceiro.

Marea de Vigo incide en que o Concello “ten que esixir ás concesionarias o cumprimento dos pregos e dos convenios colectivos, ten que executar os orzamentos en materia de emprego público, incluíndo as bolsas de emprego que axudarían a moitas familias na situación que estamos vivindo e en definitiva o Concello ten que vindicar e facer todo o posible para que o emprego público e o indirecto a través das concesionarias sexa de calidade” conclúe Pérez.