Marea de Vigo esixe un protocolo Covid para a volta ás escolas que non suprima dereitos e servizos ás familias

A concelleira Oriana Méndez solicita «ás distintas institucions competentes» a elaboración «urxente» dese protocolo consensuado coa comunidade educativa

Marea de Vigo esixiu hoxe a elaboración dun protocolo Covid para a volta ás escolas que non suprima dereitos e servizos ás familias. Na opinión da formación, o protocolo previsto ven «imposto» e «sen negociación algunha coa comunidade educativa», o que «implicaría grandes cambios nas aulas, no transporte, nas actividades extraescolares e en servizos esenciais como o Plan Madruga e os comedores escolares».

«Non conta con medidas efectivas que minimicen os contaxios, non diminúen as ratios para garantir a distancia de seguridade seguindo as recomendacións da OMS e o Ministerio de Sanidade e non contempla a opción de incrementar o persoal para poder facer fronte a moitas das medidas que establece o propio protocolo», opina a concelleira da formación Oriana Méndez.

Marea de Vigo apoia todas as demandas da comunidade educativa e as ANPAS, e pide a participación activa de todas as administracións que teñen competencias en educación, para garantir servizos como as aulas matinais, actividades extraescolares, transporte escolar, e os comedores escolares, «servizos fundamentais para a conciliación familiar e laboral, como o comedor, que hoxe en día é a garantía de que moito alumnado teña unha comida equilibrada ao día».