O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que o Concello, que leva á Xerencia de urbanismo estes días un concurso de proxectos para a construción de vivendas en Barreiro, debe clarificar se as mesmas sairán á venta a propietarios ou serán para un parque público municipal en réxime de alugueiro
O voceiro do GM da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que na actualidade, «proxectar dende o concello o mesmo réxime de vivendas que a Xunta xa proxectou en Navia é un erro monumental». Marea de Vigo sinala que estas vivendas, aínda con prezo público regulado, «serán inalcanzables para moitos mozos e mozas e familias con recursos máis modestos que ademais demandan de xeito público e notorio no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública da Xunta vivendas en réxime de alugueiro ou alugueiro con opción á compra fronte ao modelo de adquisición privada de vivenda que por desgraza impera en Galicia».
Marea de Vigo cree que sen a aprobación da Lei de Vivenda estatal a concreción de vivenda pública realmente accesible sigue a ser un grave problema, porque nesta lexislación en tramitación recolleríase perfectamente a posibilidade e obrigatoriedade de dispor dunha parte das vivendas en réxime de protección pública como parques públicos, polo que «estes quedan á vontade da administración que decide levar adiante proxectos urbanísticos en materia de vivenda pública».
En todo caso, sinala Rubén Pérez, que o expediente de contratación da Xerencia de Urbanismo, considere xa ao Concello como administración con plenas competencias en materia de promoción de vivenda «é xa un avance» que contradí de xeito «notorio» o expresado polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, cada vez que «nestas dúas lexislaturas Marea de Vigo esixía accións pro activas por parte de Vigo».
O propio Concello xa recoñece no expediente de contratación de Barreiro que «existe a necesidade, dende ás Administracións Públicas, de facer efectivo o art. 47 da Constitución, onde está consagrado como dereito de todos os españois o goce dunha vivenda digna e adecuada, entrando en xogo tamén o art. 45.2 CE, que prevé́ a utilización racional de todos os recursos naturais, entre os que se atopa o solo, que ao non poder incrementarse, esixe o seu control e planificación polos poderes públicos. Ambos os artigos, 45.2 e 47 CE, atópanse dentro dos principios reitores da política social e económica (Cap. III, Título I CE), non son dereitos fundamentais, senón dereitos derivados da política social e económica». Unha boa nova, sinala Rubén Pérez «que non por nova chega tarde e con moitos veciños e veciñas da cidade xa empadroados noutros concellos ante a imposibilidade de afrontar os prezos de adquisición da mesma no nos termo municipal».
Rubén Pérez considera que se o Concello realiza a mesma promoción de vivendas que a Xunta fai en Navia estaremos ante «o mesmo problema de acceso a unha parte sensible da poboación que de xeito maioritario está demandando no Rexistro habilitado pola Xunta réximes de alugueiro e alugueiro con opción á compra» e que por moito que o concello considere que en Barreiro pode arbitrarse «unha dotación publica que satisfaga as necesidades culturais e sociais da cidadanía viguesa en xeral e da veciñanza deste barrio en particular, xunto coa promoción de vivendas a prezos alcanzables no ámbito da vivenda protexida, a formulación dun procedemento de contratación que permita unha mellor adaptación as diferentes necesidades» o certo é que o prezos alcanzables mesmo na vivenda de protección autonómica, son inalcanzables para moitos mozos e mozas e persoas en situación de vulnerabilidade social ou afectadas polos enormes encarecementos dos alugueiros na nosa cidade, moitos xa por enriba de xeito notable das coutas hipotecaria medias.