O voceiro do GM da Marea de Vigo, Rubén Pérez, valora como «necesaria, aínda que demasiado tardía», a aprobación mañá no Consello da Xerencia de Urbanismo da licitación para a redacción do Plan Especial de Protección do Ensanche Histórico de Vigo, e espera que esta vez o goberno local non paralice a proposta que se redacte «porque non lle guste o alto nivel de protección que propoña o equipo redactor ou outras escusas»
Marea de Vigo votará a favor mañá no Consello da Xerencia de Urbanismo da memoria xustificativa da contratación do servizos de redacción do Plan Especial do Ensanche, toda vez que na propia xerencia de urbanismo, quedou acreditada a imposibilidade de abordar os traballos con recursos propios. Marea de Vigo apostará por empregar recursos propios da xerencia, pero en todo caso «a premura de ter xa o Plan Especial para evitar que edificios a conservar sexan derruídos como está a acontecer xa, vai xustificar o voto favorable do GM de Marea de Vigo no consello de mañá martes».
O Plan Especial, sinala Rubén Pérez, «debe ser garantista, conservacionista e especialmente evitar que os locais e vivendas resultantes sexan de prezos de mercado prohibitivos para a maioría da cidadanía viguesa» garantindo o parque de vivenda de protección axeitado.
A rehabilitación urbana, a xuízo de Marea de Vigo, debe marcar non só o paso do futuro PE do Ensanche Histórico, senón que «ten que ser elemento nucleador das políticas de vivenda que se conteñan no futuro PXOM de Vigo, que recoñece na súa memoria aprobada inicialmente máis de 18.000 vivendas baleiras moitas delas susceptibles de ser reformadas e reintroducidas facilmente no mercado de alugueiro». Marea de Vigo alertou reiteradamente da existencia de máis de 1000 inmobles baleiros e en situación de ruína no centro urbano que non figuran no rexistro de edificios e solares baleiros con edificación forzosos e que, «ante a desidia do Concello, son catalogados por asociacións de defensa do patrimonio como ‘Vigo Baleiro’ que denuncian a situación de abandono e a falla de iniciativas públicas de rehabilitación urbana».
Marea de Vigo pide que, ademais das iniciativas de rehabilitación que xa existen como o Consorcio do Casco Vello, que se inventarien e dende a administración pública se actúe contra a realidade de ducias de edificios abandonados que terían que formar parte do rexistro de soares e edificacións ruinosas, “especialmente aqueles que promotores ou propietarios forzan deliberadamente á declaración de ruína acosando en moitas ocasións a persoas con rendas antigas para que abandonen as súas vivendas, deixando que estas se degraden para logo, coa declaración de ruína, poder tiralos máis fácil e economicamente”
Dende Marea de Vigo pídese que tanto este programa como o das ARIS sexa prioritario en urbanismo, tamén fronte a edificación de novas vivendas xa que, “abordar de xeito serio a erradicación de edificios en ruínas do centro urbano, sería unha intervención pública mesmo con prezo de vivenda regulado e controlado ante unha imparable escalada de prezos de alugueiros e vivenda nova”.

