Marea de Vigo esixe mecanismos de consolidación laboral para evitar privatizacións no persoal municipal que atende os centros educativos

Oriana Méndez: “Resulta incomprensible como na proposta de convocatoria de estabilización de emprego público que presentou o Concello aos sindicatos e que obriga a evitar o abuso da contratación temporal nas administracións públicas – trala aprobación da lei 20/2021 – exclúense os máis de 200 empregos temporais vinculados á apertura, peche e mantemento dos centros educativos”

A concelleira do Grupo municipal, Oriana Méndez, afirma que “xa bastante bochornosa é a sentenza europea que alerta do uso abusivo da contratación temporal por parte das administracións públicas, como para que a temporalidade máis manifesta no emprego público local, o persoal oficial de mantemento de centros educativos de titularidade municipal (CEIPs), quede fóra da proposta de persoal a consolidar por parte do Concello de Vigo”. Dende Marea de Vigo lembran que a devandita sentenza “obrigou ao estado a decretar a lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, decreto que de facto obriga a situar a taxa de temporalidade no Concello de Vigo por debaixo do 8%” engade Méndez.

Marea de Vigo denuncia que cando se produce unha baixa por IT, unha xubilación ou unha excendencia nestes empregos, o Concello “tarda meses as veces en repoñer a praza”, o que significa, segundo relata a concelleira, que “o centro educativo queda sen cobertura e persoal de mantemento”, como está a acontecer actualmente no centro educativo de Sárdoma. Marea ded Vigo pide celeridade ao departamento de personal e de educación do Concello de Vigo para evitar estas situacións.

Marea de Vigo considera que un Concello que deixa sen executar máis de 14 millóns de euros no capítulo 1 (persoal) no exercicio 2021 “e que previsiblemente fará o mesmo no ano 2022 – apunta a concelleira -, ten un serio problema de xestión de emprego público”, xa que, “máis aló das OPEs, hai bolsas de emprego e contratación que teñen que activarse para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos” incide Oriana Méndez, baseándose no obxectivo de evitar as privatizacións e externalizacións, “como xa aconteceu recentemente na apertura e peche dos 14 pavillóns de deportes do IMD”, privatización que foi xustificada coas mesmas motivacións de imposbilidade de contratar contra o capítulo 1.

Marea de Vigo permanecerá vixiante para evitar este “paulatino proceso de desaparación de emprego público na administración local, a externalización do servizo e especialmente a deriva deste emprego local á formulas como a xa empregada nos pavillóns do IMD cos centros especiais de emprego, que coa escusa da integración das persoas con discapacidades, son na súa maior parte auténticas máquinas de xerar negocio e explotación permanente e merma de dereitos laborais alí onde operan” conclúe a concelleira.