Rubén Pérez Correa, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, acompañou hoxe ao comité de empresa e cadro de persoal da concesionaria de transporte colectivo de viaxeiros VITRASA na concentración que realizaron en fronte do Concello pola situación laboral da empresa e pedindo mediación do goberno local
Marea de Vigo considera abusivos e produto da «enésima tentativa de merma de dereitos laborais o decreto de servizos mínimos que aumenta do 25% ao 40% e o recurso ao laudo que impide o descolgue salarial por parte da empresa». Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo considera que «é algo que o concello debería denunciar xa que se a empresa aduce falla de rentabilidade para mermar dereitos laborais pero a vez non se entende agora a compra de 29 autobuses novos agora coa concesión xa con anuncio de nova licitación e despois de meses sen dar novas das renovacións que mandataba a ampliación anterior (31 autobuses en 2021 e 20 en 2022)».
Marea de Vigo urxe ao Concello de Vigo e a empresa a convocar, tal e como demanda o comité, unha xuntanza coa representación sindical e aclarar a situación concesional, os marcos nos que se moverá a nova concesión e a situación económica real da empresa. «O transporte de viaxeiros da cidade, mentres tanto, non recupera viaxeiros ao ritmo do que acontece noutras cidades o que é exemplo de que algo está a fallar no deseño, prezos e organización dun servizo público tan neural», sinalan.
Marea de Vigo considera que foi un «erro evidente» a ampliación concesional e o sistema decidido para compensar a VITRASA pola perda de viaxeiros derivaba da situación de pandemia, xa que en vez de compensar economicamente polas perdas como se fixo en case todas as cidade do estado en base ao Real Decreto emitido polo goberno, aquí optouse «sorpresivamente por empregar a cláusula que figura no contrato do ano 1995, a de 5 anos prorrogables a un máximo de 35 contando o período concesional inicial».
Esta decisión, a xuízo de Marea de Vigo está «evidentemente motivada porque ese 15% de compensación que figura no Real Decreto non sería suficiente, xa non para paliar as perdas de pasaxeiros e pasaxeiras por debaixo dos 20 millóns que ten que garantir a cidade», senón tamén o “pozo sen fondo” que é esta concesión. «Pozo sen fondo ao que os gobernos locais de diferentes cores lanzaron e lanzan todo tipo de proxectos: publicidade noutras cidades para promocionar a cidade, cartas a toda a veciñanza de Vigo anunciando a Pass Vigo coa cara do alcalde, ou a inxustificada renovación e compra en vez de renting de vehículos para obrigar a aumentar a débeda da cidade coa empresa, etc…. Todo un elenco de decisións que logo VITRASA anota e coloca no´pendente de amortizar´ na concesión».
Dende Marea sinalan que a concesión é «unha ruína para a cidade» pero un “negociazo” para a empresa, que a día de hoxe esgrime ter pendente 16 millóns de euros de amortización en forma de terreos das cocheiras, vehículos e outros conceptos e ao que agora se suman as compras de novos vehículos. Para Marea de Vigo hai unha evidente responsabilidade empresarial nestas decisións e noutras como a arbitraria supresión de liñas vendida como unificación das mesmas, pero tamén hai especialmente unha responsabilidade do Goberno local primeiro na tutela pública sobre as concesións administrativas que aproba, no seu seguimento e no cumprimento dos pregos concesionais; pero tamén no feito de que a esta situación se chega por decisións tomadas en Xunta de Goberno local, especialmente dende a decisión de activar a prórroga actual de 5 anos, de non clarificar na mesma que criterios marcan os futuros e presentes importes de reequilibrio económico concesión así como de non exercer responsablemente a auditoría e control dos servicios públicos esenciais para os vigueses e viguesas.

