Marea de Vigo esixe a implantación de bosques urbanos na cidade para paliar o impacto do cambio climático en canto ás altas temperaturas e ás emisións de CO2

Foto: Twitter @ecoloxistasvigo

Rubén Pérez: “A actitude arboricida do Goberno de Abel Caballero é un auténtico delirio que forma parte desa teima de reordenar a cidade para que esta sexa un escaparate”

Marea de Vigo, tal e como defendeu no seu día a través dunha moción, pide novamente que se desenvolva de xeito inmediato un Plan para a conservación e implantación de gran arborado coa fin de atenuar os efectos do cambio climático na temperatura

Marea de Vigo afirma que “xa é un feito constatado” que co cambio climático e a suba de temperaturas nos meses de verán, “a masa arbórea das cidades cumpre unha función esencial atenuando os picos de calor que se viven nos cascos urbanos, sobre todo onde hai gran presenza de asfalto” sinala Rubén Pérez. París, Londres e moitas grandes capitais europeas están desenvolvendo grandes bosques urbanos precisamente para poder paliar os efectos do cambio climático. “Os estudos levados a cabo din que ter árbores de gran porte e masa arborada nas cidades pode baixar ata doce grados centígrados a temperatura, algo moi relevante nos momentos especialmente cálidos, semellantes aos vividos a semana pasada na nosa cidade” engade o voceiro.

Marea de Vigo incide en que “non se poden substituír as grandes árbores por xardiñeiras ou pequenas sebes soamente por abaratar os custos de poda” incide Pérez, poñendo o foco nas tallas que se están facendo “de maneira masiva” nesta cidade, como acaba de acontecer na rúa Martínez Garrido, onde veñen de cortarse os plataneiros que levaban moitos anos nese lugar. “Esas tallas o que fan é permitir os picos de calor que podemos chegar a vivir nas nosas rúas” suliña.

É preciso poñer en marcha de xeito inmediato un Plan para a conservación da masa arborada. “Isto significa conservar e coidar en condicións o arborado actual, e isto tamén significa que as podas teñen que facerse de xeito ordenado e no mes que toca e que as tallas que se fagan únicamente estean circunscritas ás árbores que estean enfermas, e non como se estivo facendo ata agora” suliña o voceiro.

Para a Marea de Vigo trátase dun asunto fundamental xa que atinxe á saúde da veciñanza, “que require tamén dunha política medioambiental e de coidado das árbores, algo que leva tempo sen acontecer ante as reiteradas tallas na cidade froito de políticas que consideran as árbores unha mera cuestión estética e ornamental”.