Marea de Vigo esixe a execución total dos fondos do pacto de estado contra a violencia de xénero asignados ao Concello de Vigo

Los concejales del grupo municipal en una rueda de prensa en el Concello.

Oriana Méndez: “Non é aceptable que queden partidas sen executar na loita contra a violencia machista; tanto os fondos para os municipios procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero como as partidas propias do Concello deben planificarse e executarse na súa totalidade para accións contra a violencia machista e pola promoción da igualdade”

O pasado 13 de setembro publicouse no BOE a resolución que pon en marcha a transferencia de fondos aos municipios para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercicio do 2021. No mesmo, activouse unha nova partida para o Concello de Vigo (dentro dos 40 millóns de euros cos que conta o Pacto para a totalidade dos municipios no conxunto do estado) que debe ser adicada para o desenvolvemento de accións contra a violencia machista. “Esiximos o inmediato desenvolvemento destas actuacións, e esiximos que non volva a pasar o mesmo que coa partida do pasado ano, da que quedou un 20% sen executar” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

A partida, de pouco máis de 65.000 euros, “non é tan ampla como para deixar de executala na súa totalidade; polo tanto pregámoslle ao Goberno local que planifique correctamente para poder darlle o seu óptimo uso” incide a concelleira.  Mais esta partida non foi a única que o Goberno local “non foi quen” de executar na súa totalidade. “No pasado 2020 quedou sen executar, entre outras, un 30% do asignado ao Plan de Igualdade de Oportunidades” apunta a concelleira.

Marea de Vigo quere lembrar ao Goberno local que este mesmo verán o Pleno do Concello aprobou unha moción da Marea de Vigo na que se pedía, en consonancia coas recomendacións da FEMP,  levar adiante politicas de loita efectiva contra as violencias machistas  na prevención de agresións machistas durante os meses de verán. “Eses acordos foron ignorados polo Goberno de Abel Caballero e nada se fixo ao respecto dende o Concello. Nin se puxeron os Puntos Violeta nos eventos nin se levou a cabo ningún tipo de  acción cara á prevención e sensibilización contra as violencias machistas xunto á mellora da seguridade para as mulleres” critica Oriana Méndez.

“Vigo precisa dun compromiso real coa defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres, e isto ten que pasar, como mínimo, por executar as partidas orzamentarias e o financiamento que ven doutras administracións para tal fin. Ante o evidente aumento da violencia machista que estamos padecendo nos últimos meses, as accións desde os concellos como as administracións máis cercanas á veciñanza, deben ser reais e efectivas” conclúe a concelleira.