Marea de Vigo empraza ao goberno local a buscar unha alternativa real e adaptada ás necesidades da FAVEC mentres duren as obras na Praza da Princesa

Rubén Pérez: “A Concellería de Participación Cidadá puxo enriba da mesa unha proposta que sabían que ía ser inaceptable para a FAVEC, co obxectivo de pasar a pelota ao tellado da propia Federación, acusándoa de negarse a aceptar o ofrecido polo Concello”

O movemento veciñal ten sido en Vigo unha das referencias democráticas da  cidade, sendo gran parte das súas demandas unha parte importante dos programas electorais dos diferentes partidos politicos. A FAVEC, Federación onde se agrupan máis de 30 asociacións de veciños e veciñas “sempre contou co respecto dos diferentes Gobernos municipais que pasaron polo noso Concello, respecto que se foi fraguando a traves de acordos, convenios, así como a través da cesión dun local na Praza da Princesa” sinala Rubén Pérez. “Ata agora, existía unha interlocución entre o Concello e o movemento veciñal que se daba de xeito natural e sen ningún tipo de imposición” engade.

Con motivo das obras na UBA da Praza da Princesa, o Concello lle notifica á FAVEC que ten que abandonar o local que ocupa na mesmo edificio,  mais este non da ningun tipo de alternativa para os 13 meses que, segundo as previsións, durarán as obras, “o que garantiría cumprir un convenio entre Concello e Federación que ten unha proxección de alo menos ata o 2025” matiza o voceiro.

Tras semanas demandando información e respostas por parte tanto da FAVEC como a través de preguntas nas Comisións informativas e no propio Pleno desde o Grupo municipal da Marea de Vigo, o goberno local, a través da Concellería de Participación Cidadá, lle traslada á FAVEC a opción de uso de un local que, segundo detalla Rubén Pérez, “a todas luces non é habil nin para as actividades administrativas da Federación e menos aínda para poder celebrar ningún tipo de xuntanza veciñal, ou dar a correcta atención á veciñanza, tal e como se viña facendo na FAVEC”.

“Nese local – engade –  non se poden levar a cabo as medidas de seguridade sanitaria que se requiren na actualidade, só puidendo estar, como máximo, duas persoas á vez, o que impediría, por exemplo, as xuntanzas da propia directiva da Federación no devandito local”. “Pedimos respecto por parte do Goberno local á Federación veciñal, respecto que neste caso debe darse a través da procura dun local en condicións que garanta a continuidade da actividade da Federación Veciñal Eduardo Chao tal e como ten sido ata o día de hoxe” conclúe o voceiro municipal.