Oriana Méndez: “Non pode volver a pasar o acontecido coa construción do paseo do Lagares no seu paso por Cabral, onde a Directiva da Comunidade de Montes puxo por diante do cuidado da vexetación da zona a posibilidade de ter o seu paseo”
Ante o anuncio feito polo alcalde no día de onte, relativo á ampliación do paseo do Lagares, Marea de Vigo defende que nesta ocasión “se priorice o mantemento da vexetación da ribeira do río, onde habitan centos de especies, tanto fauna como flora, que resultan fundamentais para o mantemento e saúde dos ecosistemas”. Estas, e tal e como trasladaron no seu día a asociación Amigos da Terra, “actúan como elementos modeladores do aporte de materia orgánica ao río, aportando nutrientes esenciais pero evitando a eutrofización das augas”.
“Non estamos dicindo que non se poida adecuar espazo na contorna do Lagares para facer un paseo, senón que este debe ser respectuoso coa vexetación da ribeira evitando barbaridades que se teñen feito por exemplo no ámbito da parroquia de Cabral a mans da actual Xunta Directiva da Comunidade de Montes de man común” sinala Oriana Méndez.
Marea de Vigo, en sintonía non só con Amigos da Terra senón tamén con outros colectivos ecoloxistas, como Ecoloxistas en Acción, defende que non se pode sacrificar unha parte importante do noso ecosistema por ver un río “limpo” en termos de confundir o lixo coa vexetación da zona. “Non se pode poñer por diante se iso significa esnaquizar o entorno natural” matiza a concelleira.
Marea de Vigo empraza por tanto ao Goberno local para que non se volva a repetir o acontecido en Cabral, “cando o propio Goberno local, con total impunidade, permitiu e incluso animou á actual directiva da Comunidade de Montes sobre un espazo cualificado como Sistema Xeral de Espazos Libres e Zonas Verdes incluído no subsistema Curso Medio Lavadores pendente de ordenación pormenorizada a través do plan especial de protección, rexeneración ambiental e acondicionamento do Corredor do Lagares” conclúe a concelleira.

