Marea de Vigo discrepa da modificación orzamentaria do Goberno local e pide prioridade para as axudas ás familias con menos recursos

Rubén Pérez: “As axudas deben estar cando menos baremadas e controladas para asegurarnos que chegan ás familias que as precisan e que acaban onde teñen que acabar, non facer unha tarifa plana sen control social de 205 euros por fillo ou filla”

Marea de Vigo propón que as axudas para a totalidade da cidadanía a causa da situación inflacionaria se apliquen en conceptos como rebaixas no IBI, no transporte, no lixo ou na auga así como en todas aquelas cuestións que poden ser universalizadas

Na Comisión de Facenda celebrada no día de hoxe, Marea de Vigo reiterou o seu desacordo coa “improvisación permanente” sobre o uso dos remanentes que fai o Goberno de Abel Caballero.

Dende Marea de Vigo sinalan que «durante moitos anos, os sucesivos gobernos do PP impediron que os concellos puideran utilizar os seus aforros para a mellora dos servizos públicos establecendo o chamado teito de gasto», mais, dende o momento no que o Goberno de coalición liberou a posibilidade de usar eses recursos sen a necesidade de usar fórmulas de crédito, o Concello de Vigo leva empregados máis de 40 millóns de euros deses recursos para acometer diversas actuacións, pretendendo agora utilizar outros 30 millóns dos remanentes nunha liña de axudas as familias, “algo que a priori sempre é positivo e algo co que sempre estaremos dacordo – afirma Rubén Pérez -, mais dun xeito co que non podemos concordar, xa que o reparto farase de xeito lineal, sin ter en conta as necesidades de moitas familias na nosa cidade”.

Deste xeito, «unha familia con dous fillos ou fillas que ingrese máis de 100.000 euros vai recibir o mesmo que unha familia que esté en risco de exclusión social ou nunha situación de vulnerabilidade». Isto, segundo o voceiro da Marea de Vigo, “é moi discutible no marco dunha política progresista, e é precisamente o que fai o Goberno de Díaz Ayuso en Madrid, establecendo un criterio universalista para dar unha axuda que entra dentro dos parámetros das axudas sociais”. Máis discutible aínda, segundo Pérez, “cando se fai meses antes dunhas eleccións municipais, utilizando os recursos públicos dun xeito oportunista”.

Alén disto, Rubén Pérez critica que no propio expediente “afírmanse cuestións que redundan nesta liña contraria ao progresismo, cando se plasma que as axudas en forma de bolsas nas que ten competencia a Xunta só están pensadas para as familias en situación de vulnerabilidade, e que a política social ten que ser a entendida por Abel Caballero e Díaz Ayuso, baseada na universalidade das axudas”.