O Voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, visitou hoxe a contorna da capela e considera que “o nivel de degradación ambiental e de dotacións da contorna obriga a un proxecto integral de remodelación que este goberno local sistematicamente ignora
Marea de Vigo realizou hoxe en compañía de veciños e veciñas da zona un percorrido pola contorna do Monte da Guía para constatar que existen tanto incumprimentos de investimentos comprometidos como falla de mantementos e coidado da superficie arborada que “teñen degradado un espazo privilexiado e que constitúe un bosque en zona urbana singular”.
O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez sinalou que os accesos seguen sen beirarrúas despois de que fose aprobado no 2018 un proxecto de construción para a rúa Doña Fermina encargado pola Concellería de Fomento. Igualmente non se mantiveron as beirarrúas de terra que configuran o paseo de subida á ermida e actualmente as escorrentas de auga teñen alterado notablemente o firme das mesmas. “O alumeado está vello e obsoleto e sigue sen aclararse se o proxecto de iluminación anunciado analogamente ao da ermida é extensible a todo o monte e os seus accesos”.
Pero especialmente grave para Marea de Vigo é que o tramo do paseo final contiguo á ermida sigue cercado dende que se instalou a figura do Sagrado Corazón e presenta evidentes mostras de degradación con fendas no firme, con sucesivos afundimentos, o que fai intuír que o acceso de camións de gran tonelaxe á contorna da igrexa fixo que esta zona, xa historicamente degradada, acabase tendo un empeoramento do seu estado e provocara a necesidade, por seguridade, de impedir o acceso de persoas no seu percorrido.
Marea de Vigo pide que analogamente a consignar investimentos para evitar o estado de profunda degradación que sofre este singular parque urbano o Concello actúe de xeito “ambientalmente responsable” no coidado da Carballeira, evitando que usos lúdicos danen unha contorna que poucas cidades galega teñen, e que se manteña a superficie arborada para evitar caídas de árbores e a propagación de especies invasoras. “Temos unha xoia ambiental e de uso lúdico de varias xeracións de vigueses e viguesas que non podemos perder pola desidia dun goberno local que non valora a memoria patrimonial da cidade e que despreza polo efectivismo do moderno e actual”.

