Rubén Pérez: “Imos ter un espectáculo bochornoso no que se vai desaloxar a unha entidade que agrupa a ducias de asociacions de veciños/as e que ten unha actividade moi arraigada na cidade por unha irresponsabilidade dun Goberno que non escoita”
Marea de Vigo lamenta que se chegase a unha situación na que finalmente o Xulgado desafiuce á Federación Veciñal sen obter explicacións do Goberno local sobre os motivos para ter que abandonar o inmoble, “xa que as obras que en teoría se van facer son únicamente no baixo do edificio” sinala Rubén Pérez.
“Se se tratase dunha cuestión de seguridade – continúa – , terían que telo explicado como a situación temporal que é, e entendendo que a federación veciñal podería volver ao seu lugar rematadas as obras” xa que, segundo lembra Marea de Vigo, existe un convenio entre a propia entidade e a administración pública, “que polo de agora está vixente ata o 2025”, mais nada disto aconteceu “e o único que pasará é que a favec será desaloxada indefinidamente” engade o voceiro.
Rubén Perez insiste en que ningún destes aspectos foi aclarado por parte do Goberno local “e o que imos ter é un espectáculo bochornoso no que a policía e os funcionarios xudiciais van desaloxar a unha entidade que agrupa a ducias de asociacions de veciños/as e que ten unha actividade moi arraigada na cidade por unha irresponsabilidade dun Goberno que non escoita e que non quere chegar a ningún tipo de solución con calquera entidade veciñal ou cultural que teña unha posición crítica con respecto a determinadas políticas que veñen realizándose por parte dese Goberno local”.
“É lamentable que se chegara a isto, desafiuzando pola vía xudicial, máis ala de non propor ningún local alternativo que cumprise os mínimos, máis tendo en conta as medidas de seguridade na situación COVID” conclúe o voceiro.

