A formación denuncia a falta de gravación dos plenos, a ausencia do alcalde nos mesmos ou a ausencia do «escano cidadán»
Marea de Vigo alertou hoxe sobre o que considera «baleiros de democracia» que se están a producir na cidade. Neste sentido, a concelleira Oriana Méndez puxo o foco en distintos asuntos entre os que destacou, en primeiro lugar, a celebración dos plenos do Concello, que pese a terse comezado a emitir online seguen ser ser gravados e rexistrados para a consulta pública da cidadanía. «Trátase de sesións públicas por Lei e por tanto cómpre buscar a ferramenta para garantir esa publicidade e o acceso a esa información, aos debates dos representantes e das representantes públicas», subliña.
Outra anomalía que urxe subsanar segundo Marea de Vigo é a ausencia do alcalde Abel Caballero aos mencionados plenos. «É unha función do alcalde, tamén establecida por Lei, a de presidir o Pleno, ordenar o debate e polo tanto participar do mesmo e escoitar as propostas e as mocións dos grupos políticos da oposición alí presentes», subliña Oriana Méndez. «É algo que non acontece no Concello de Vigo, o alcalde érguese e vaise da práctica totalidade dos plenos do Concello de Vigo pasados aproximadamente 10 minutos da súa presenza. Érguese e vaise desoíndo e en realidade desprezando as intervencións e as propostas dos grupos políticos da oposición», engade.
Por último, desde Marea de Vigo tamén se sinala a ausencia do «escano cidadán» dos plenos do concello, «unha figura que permite a participación directa e a intervención oral directa da cidadanía e de representantes de colectivos cidadáns no pleno do concello, tal e como acontece en numerosos concellos de Galicia e do estado, moitos deles presididos por alcaldes do Partido Socialista» explica a concelleira. Isto, prosigue Méndez, non acontece en Vigo porque no ano 2016 se artellou unha modificación do Regulamento do Pleno do Concello e «o Goberno local negouse a incluír esta proposta da Marea de Vigo».
«A democracia é sobre todo participación, transparencia, e repartir o poder entre as máis, e por iso fai falla articular vías e ferramentas que garantan a participación da cidadanía na toma de decisións«, sinala Méndez. «Por iso nós defendemos dende o 2015 ferramentas como os orzamentos participativos, para garantir que as decisións que teñen que ver coa vida da xente non se tomen só por delegación senón que se tomen tamén mediante a participación directa da cidadanía», conclúe.

