Ante a ameaza expresada polo Goberno local sobre a non apertura das piscinas de Samil durante este verán a causa das restriccións que pon á Xunta, Marea de Vigo pídelle ao Goberno de Abel Caballero que “deixe de lado a súa interesada e persistente pugna coa Xunta e que tome as medidas de seguridade que sexan necesarias para garantir a apertura do espazo” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.
Para Marea de Vigo, “o preocupante disto é que o Concello de Vigo é sabedor da existencia dun contrato de mantemento e xestión destas piscinas”, apunta o voceiro. Trátase dun servizo que antigamente estaba adscrito a parques e xardíns e na actualidade atópase adscrito ao contrato de mantemento de parques infantís e áreas biosaudables. “Ata 12 persoas entre socorristas e encargadas/os da limpieza e mantemento das piscinas que se suman a ese contrato para traballar nas piscinas durante a época estival” engade. Se o concello anuncia que as piscinas non abren, “están deixando a esas 12 persoas, vinculadas con ese contrato, nun ‘limbo laboral’ e sen ter a certeza de cal vai ser o seu futuro” sinala Rubén Pérez.
“O que debe facer o Concello de Vigo – segundo Pérez -, é cuantificar os custos dun sistema de control de aforos e se quere, buscar que ese custo sexa subvencionable pola Xunta a través dun convenio”. En todo caso, para Marea de Vigo, “o que non debe facer é suspender o servizo, xa que máis aló do que lle supón ás persoas usuarias, isto prexudica gravemente as e os traballadores que están adscritos a ese contrato” suliña.
De novo, Marea de Vigo denuncia que “o silencio sexa a norma do Goberno de Abel Caballero á hora de dar resposta á representación sindical das e dos traballadores – afirma o voceiro -, tal e como tamén ten acontecido neste caso, cando dita representación se ten dirixido ao Concello para coñecer a situación na que quedaría o persoal de piscinas e non obtiveron resposta algunha”.
Marea de Vigo pedirá que se leven a cabo controis de aforos mentres a situación sanitaria así o requira. “O Concello ten que facer valer dunha vez os dereitos dos traballadores e traballadoras desta concesionaria así coma o dereito da veciñanza a disfrutar dunha infraestrutura coas medidas de seguridade e sanidade que sexan precisas, con independencia do seu custo, tal e como debe ser neste momento no que hai que priorizar recursos para cuestións coma o control de aforos antes que outros gastos cando menos discutibles nunha situación de pandemia” conclúe o voceiro municipal.

