Rubén Pérez: “A actitude do Goberno local con respecto aos novos cambios nos límites de velocidade que afectan aos viais da cidade é simplemente unha total inoperancia nunha cuestión que tiña que estar resolta antes do día de hoxe”
Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, cualifica como “sorpresa” que hoxe, martes 11 de maio, “sabendo que entran en vigor os novos límites de velocidade nas vías urbanas, o Concello de Vigo non teña trasladado ningun tipo de información á veciñanza, nin na sua web, nin a través dos medios de comunicación nin tan sequera a través de propaganda institucional, para a que o Goberno local dispón de 4 millóns de euros recentemente consignados a tal fin”.
O Grupo lamenta que o Concello non tivera preparado nada ao respecto e non teña aínda sinalizadas as rúas segundo a nova norma. “Deberiamos ter contado cunha campaña municipal o suficientemente ampla que garantise que a veciñanza coñecera perfectamente os límites de velocidade nos viais dentro do Concello de Vigo” matiza Rubén Pérez.
Na Comisión Informativa de Seguridade celebrada o pasado 22 de abril, o Grupo municipal da Marea de Vigo preguntou, toda vez que tanto a DGT como a FEMP se tiñan pronunciaado sobre a nova normativa, cales ian ser as medidas de divulgación e sinalización que se tomarían no Concello de Vigo. “A día de hoxe, xa aplicados os cambios, seguimos esperando pola contestación” sinala o voceiro.
Ante a posibilidade de haber sancións desde o día de hoxe, desde Marea de Vigo se pide “celeridade para informar á veciñanza e sinalizar as vías nas que hai cambios nos límites de velocidade” xa que Tiveron tempo de sobra para telo feito”.
Parello a isto, segundo Marea de Vigo, debería ir un estudo da situación dos viais nos que haberá cambios para aproveitar e mellorar os firmes ante as deficiencias que existen en moitos deles. “Isto só é unha demostración máis de que o Goberno de Abel Caballero está a outras cousas e as cuestións que afectan a maioría da cidadanía son secundarias e non teñen importancia algunha para eles” conclúe o voceiro.

