Marea de Vigo demanda ao Concello a actualización nos orzamentos do 2023 dos convenicos con entidades sociais, deportivas e veciñais

O candidato da coalición, Rubén Pérez Correa.

Marea de Vigo denuncia que no proxecto orzamentario, no que se consignan máis de 100 subvencións a diferentes entidades da cidade, non se está a aplicar nin sequera a suba do IPC

Marea de Vigo demandou hoxe ao Concello a actualización nos orzamentos do 2023 dos convenicos con entidades sociais, deportivas e veciñais, conxelados desde hai dous anos.

O voceiro do grupo municipal, Rubén Pérez, denunciou que estes convenios que o Concello de Vigo ten asinados con entidades deportivas, sociais e veciñais “teñen consignados para o proxecto orzamentario de 2023 os mesmos importes que os anos anteriores”, cando na actualidade os custos xustificados para recibir estas subvencións nominativas se encareceron ate o punto de que moitas subvencións que antes cubrían gastos “son agora deficitarias”.

Deste xeito, dende os gastos en persoal adscrito a cada actividade ou servizo, o custe da subministración básica dos espazos onde se celebra (luz, alugueiros, etc.) ate calquera material ou elemento que se adquire ad hoc, sufriu nestes meses un incremento que en ocasións ronda o 20% con respecto ao xustificado á sinatura do convenio. 

O goberno local non pode argumentar, nin pola vía dos recursos existentes (hai máis de 150 millóns de euros de novo de remanente líquido de tesourería), nin polos que quedan sen executar en cada exercicio orzamentario (neste 2022 posiblemente arredor de 100 millóns de euros) que non hai recursos no Concello de Vigo para incrementar, cando menos, a suba do IPC interanual ao importe das subvencións nominativas de máis de 100 entidades.

Marea de Vigo considera ademais que o goberno local debe, de xeito inmediato, recuperar o convenio e a normalidade da relación coa Federación de Asociacións de Veciños de Vigo (FAVEC) que sigue sendo o instrumento de diálogo coas administracións que máis de 30 AAVV da cidade. Con eses recursos, durante máis dunha década, o movemento veciñal foi quen de realizar centos de actividades nos barrios e parroquias con participación masiva e cun retorno social máis que evidente. “Non se sostén por ningún lado a permanente exclusión e eliminación do convenio nin a busca de solucións legais para eludir consignalo no proxecto orzamentario para o ano 2023”