Marea de Vigo defendera unha moción no vindeiro pleno pola non aplicación de coeficientes redutores nas xubilacións anticipadas con máis de 40 anos de vida laboral

O Grupo municipal trasladará deste xeito a moción promovida pola asociación ASJUBI40 ao pleno vigués

Segundo a regulación actual, estanse aplicando reducións que chegan ata o 8% por cada ano anterior á idade legal de xubilación nos casos de xubilación anticipada, chegando nalgúns casos a unha penalización do 40% da pensión.  Esta penalización non finaliza cando a persoa xubilada cumpre coa idade legal de xubilación, senón que se mantén posteriormente. “Trátase dunha medida que carece de lóxica. O razoable é que se se cotizaron xa un total de 40 anos ou máis, non se sufra ningunha penalización, senón que se entenda que esta persoa xa contribuiu suficientemente ao sistema de pensións” sinala Rubén Pérez.

A día de hoxe, na provincia de Pontevedra, e maioritariamente en Vigo, encóntranse unhas 10.000 persoas xubiladas afectadas por estas circunstancias. “Hai moitas destas persoas que comezaron a traballar moi novas, algunhas incluso aos 14 anos, sobre todo en sectores industriais e nomeadamente no sector naval no que se entraba de aprendiz e que, despois de botar case toda a súa vida traballando, prefiren rematar antes a súa vida laboral, tendo cotizados sobradamente 40 anos – explica o voceiro municipal. – Noutras ocasións, e de xeito totalmente inxusto, trátase de persoas que foron despedidas das súas empresas e que, despois de estar un tempo no paro, incluso rematándoo sen ter posibilidade de atopar ningún outro traballo, non tiveron máis remedio que solicitar esta xubilación anticipada de maneira, supostamente, voluntaria”.

Dia das Letras Galegas

O obxectivo da moción, xa presentada en distintos parlamentos autonómicos, deputacións e concellos no conxunto do estado, é a modificación da Lei Xeral da Seguridade Social cara a eliminación da aplicación de coeficientes redutores con penalizacións vitalicias nas xubilacións anticipadas con longas carreiras de cotización de 40 anos ou máis, por, segundo a asociación ASJUBI40razóns de equidade”, xa que estas “supoñen un agravio comparativo”.