Marea de Vigo defenderá o vindeiro mércores unha moción polo compromiso de todas as administracións coa nova Lei de Vivenda

Oriana Méndez: “Todas as administracións poden e deben asumir actuacións orientadas a evitar que o maior gasto das familias sexa algo que cronifique os niveis de pobreza ante unha suba inasumible dos alugueiros, dos desafiuzamentos ou da inexistencia de parques públicos de vivenda”

A nova Lei polo Dereito á Vivenda, actualmente en proceso de tramitación parlamentaria, permitirá limitar o prezo dos alugueiros en zonas declaradas tensionadas, “é dicir, concellos cuxas rendas de alugueiro superen o 30% dos ingresos medios por fogar e que nos últimos anos subise cinco puntos por enriba do IPC, trala solicitude do Concello en cuestión á comunidade autónoma correspondente” matiza a concelleira, Oriana Méndez. Ademais, a normativa permitirá o aumento da recarga da cota do IBI ao 150% para as vivendas desocupadas, “considerándose estas cando están máis de dous anos baleiras e cuxo propietario/a posúe un mínimo de catro” engade.

Para a Marea de Vigo, é fundamental o novo mecanismo legal que introduce a nova normativa con respecto á vivenda de protección oficial, xa que o 30% da vivenda de protección oficial que se constrúa destinarase ao parque público do alugueiro, e dese 30% a metade será para o alugueiro social, “o que permitirá a numerosos concellos que actualmente non dispoñen deste parque de vivenda público dotarse desta figura para paliar as graves dificultades de moitas familias a unha vivenda digna e alcanzable” apunta a concelleira.

Alén disto, Marea de Vigo considera positivo e así o reflicte na súa moción o feito de incluír mecanismos fiscais na nova Lei como mecanismo de contención de rendas, ao contar os novos contratos cunha desgravación xeral do 50% no IRPF, “modulable en función de diversos criterios ata o 90% de bonificación máxima para os caseiros/as que rebaixen un 5% o prezo dos seus alugueiros”.

Na mocion, Marea de Vigo insta á Xunta a aplicación da devandita Lei cando esta sea aprobada, facilitando aos Concellos a solicitude de zona tensionada (condición para a aplicación da Lei) e así mesmo, instará ao Goberno do Estado a iniciar, trala aprobación da Lei, a súa mellora “introducindo as cuestións que quedaron fóra da norma e que foron reiteradamente trasladadas por colectivos de loita polo dereito á vivenda ou as organizacións sindicais, como a ampliación de parques de vivenda pública, ou a prohibición de desafiuzamentos sen alternativa habitacional” sinala Oriana Méndez.