Marea de Vigo defenderá no vindeiro Pleno unha moción para o desenvolvemento dun Plan Municipal de Saúde Mental

Oriana Méndez: “O impacto vital, en todas as súas dimensións, que supuxo a COVID-19 foi de tal magnitude que provocou que a saúde mental entrase, por fin, no debate público”

Segundo recolle o censo da Consellería de Política social da Xunta de Galicia (2020), en Galicia hai máis de 80.000 persoas con discapacidade recoñecida por enfermidade mental. “Datos que a día de hoxe poderían ser sensiblemente maiores e, en todo caso, datos que implican un problema cunha forte repercusión para as persoas afectadas e para as súas familias” sinala Oriana Méndez. “A consecuencia máis extrema dese sufrimento, o suicidio, segue a ser un tabú social, mais comeza a abrirse paso nos medios de comunicación e no debate político sobre as circunstancias que o poden provocar” engade.

Entre outros factores, Marea de Vigo traslada na súa moción a importancia dos recursos económicos á hora de facer fronte a unha enfermidade mental. “Cando as enormes listas de agarda no sistema público empurran ás doentes cara ao sistema privado, o que obtemos é un obstáculo no acceso ao tratamento, é dicir, un afondamento na doenza, impedindo que moitas das persoas que as padecen non vaian ter opcións de tratarse en condicións, a tempo, e segundo as súas necesidades” matiza a concelleira.

No que atinxe ás administracións públicas “e polo tanto o que nos corresponde demandar neste caso dende a administración local e de xeito urxente, é dispor de recursos públicos para que a falta de medios económicos non se traduza nunha condena a padecer transtornos psicolóxicos sen tratar” incide Oriana Méndez.

Marea de Vigo lembra que é preciso “termos presentes que os compromisos político formulados na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible recollen, expresamente, a necesidade de reducir a mortalidade prematura por doenzas non transmisibles e promover a saúde mental e o benestar” e polo tanto proporá, no vindeiro Pleno instar ao Goberno local á creación do Consello municipal de Saúde “que permita a organizacións representativas de usuarias e de traballadores sanitarios participar e implicarse nas políticas e decisións municipais relacionadas coa saúde pública” así como a “desenvolver un plan municipal de Saúde Mental, en colaboración coas entidades do terceiro sector”.

Igualmente, instarase á Xunta a “reforzar a atención á saúde mental na Sanidade Pública galega, aumentando o número de especialistas en Psicoloxía Clínica, tanto nas unidades hospitalarias coma na Atención Primaria, co obxectivo de reducir as listas de agarda”, así como a “reforzar os servizos de saúde mentar infanto-xuvenil” e “crear unha unidade hospitalaria de rehabilitación psicosocial na Área Sanitaria de Vigo”.