Marea de Vigo defenderá no vindeiro Pleno a implantación de medidas para a redución do consumo enerxético e a promoción das enerxías renovables

En la fila de arriba, de derecha a izquierda, los portavoces de PP, Marea de Vigo y BNG.

Rubén Pérez: “Precísanse de xeito urxente accións que axuden a paliar os efectos da inflación nas facturas da veciñanza”

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción na que se quere poñer o foco na necesidade de medidas de ámbito local para promover e bonificar a creación de comunidades enerxéticas como instrumento para a procura dun consumo máis responsable, sostible e consciente. “As comunidades enerxéticas tamén poden desenvolverse desde as entidades públicas e incluso ser financiadas a través dos Fondos europeos” matiza Rubén Pérez. “Hoxe coñecíamos a boa nova da rebaixa do ive do gas do 21% ao 5% – apunta o voceiro -, mais segue habendo moitos problemas para poder facer tanto políticas de control de consumo como de bonificación aos colectivos máis vulnerables”.

Varias das medidas que propón o Grupo municipal xa están sendo aplicadas en moitos concellos do estado, “medidas que ademais permiten que os concellos apliquen nas súas propias estruturas como os edificios públicos ou os colexios que son de titularidade municipal acometer políticas de aforro enerxético e promoción do uso de renovables” incide Pérez.

Marea de Vigo proporá, entre outras, a creación dunha Ordenanza Fiscal do Clima e a Enerxía, como xa funciona nas grandes cidades europeas, así como a creación dunha oficina municipal de Clima e Enerxía, cuxos obxectivos radican no desenvolvemento dunha nova política sobre o consumo enerxético, e impulsar a xeración de enerxía renovables.