Marea de Vigo valora de xeito positivo que, finalmente, se iniciase a comunicación entre a Concellería de Xuventude e as persoas usuarias do VigoSónico, “algo que viñamos demandando dende hai máis dun ano, así como os propios grupos que alí ensaiaban” sinala Oriana Méndez
Marea de Vigo alberga moitas dúbidas con certos anuncios que se fan dende o Goberno local coma o feito sobre o VigoSónico. “Vemos unha forte aposta por virar o espazo de VigoSónico cara ao emprendemento musical, o marketing e a industria musical a través dun convenio coa fundación Paideia, pero moi pouco compromiso co que, de xeito claro e público, estaban pedindo os grupos que ensaiaban no VigoSónico”. A concelleira alude as dúbidas ao feito de que xa pasaron case dous anos despois do peche das instalacións, “e os usuarios e usuarias ou a cidadanía que quixese utilizar ese espazo seguen sen saber cando abriran as salas de ensaio e en que condicións se vai retomar ese servizo” engade.
Oriana Méndez advirte polo tanto que a pesar da xuntanza mantida entre a Concellería de Xuventude e os grupos musicais, “non debemos enganarnos, porque o acontecido non foi un diálogo, xa que a devandita xuntanza celebrouse unha vez que a concelleira xa anunciara en rolda de prensa a súa ‘medida estrela’ para VigoSónico: o convenio coa fundación Paideia”.
Marea de Vigo pregúntase se verdadeiramente o Goberno local cre que os centos de persoas que estaban usando VigoSónico o que estaban era demandando un “coaching empresarial”, porque “se é así – apunta Méndez -, hai un problema de entendemento”. A concelleira insiste en que tanto os grupos de música como a oposición “fumos claros e levamos dicíndollo máis dun ano: Poña o espazo de VigoSónico a disposición da mocidade e do conxunto da cidadanía abrindo as salas de ensaio nas condicións sanitarias que sexan precisas e non reduzan o horario. Do contrario, o único que temos son anuncios baleiros e en todo caso destinados a cubrir outros intereses distintos dos intereses daqueles grupos musicais que ensaiaban no VigoSónico” conclúe.