Rubén Pérez: “Hai cuestións de cidade que teñen que resolverse dunha vez por todas entre a Xunta e o Concello, e esta actitude o único que está facendo é bloquear o desenvolvemento e a solución das mesmas”
Marea de Vigo lembra que o diálogo entre administracións públicas debe ser unha obriga de todos os partidos políticos, xa que ostentan a representatividade da cidadanía en ditas administracións
Unha vez máis, Xunta e Concello “volven amosar que tanto por parte do Partido Popular dende a Xunta coma o Goberno local de Abel Caballero están a utilizar as institucións públicas como estratexia electoral” afirma Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo en referencia ao novo plante dado por Abel Caballero a Alfonso Rueda no día de onte. “Novamente, ambos volveron protagonizar un novo esperpento, como tamén é tentar convocar únicamente aquelas xuntanzas que lles sirven para a súa axenda política e electoral” engade.
Marea de Vigo considera que hai cuestións de cidade “que teñen que resolverse dunha vez por todas entre a Xunta e o Concello – sinala Pérez -, e esta actitude o único que está facendo é bloquear o desenvolvemento de moitos asuntos en materia de integración social, de infraestruturas, de dotacións públicas e incluso en materia de promoción económica, como pode ser o relacionado co sector naval e a industria auxiliar do automóbil”.
Ante esta “incapacidade manifesta”, tanto de Abel Caballero á fronte do Goberno local como de Alfonso Rueda á fronte do Goberno da Xunta, Marea de Vigo lles propón que, “a partir de agora, as reunións entre ambas administracións sexan circunscritas a cuestións concretas e polo tanto, sexan as direccións xerais ou o persoal técnico das administracións quen participe e resolva, non deixándoo ao arbítreo de persoas que o único que están buscando é o rédito electoral, a foto, ou o desplante ao opoñente político” incide o voceiro.
Marea de Vigo reitera a necesidade de desenvolver un protocolo para resolver esta incapacidade “secular e manifesta” do alcalde de Vigo e de calquera dos presidentes da Xunta por chegar a acordos entre as administracións. Entre outras propostas, Marea de Vigo propón que esas xuntanzas de traballo non deben ter convocatorias de prensa posteriores de forma conxunta para que cada institucion poida facer tales valoracións de xeito individualizado e circunscritas ás cuestións técnicas, “eliminando espectáculos inútiles” conclúe Rubén Pérez.

