Rubén Pérez: “Nunha cidade de 300.000 habitantes seguimos sen ter plans de ocio alternativo para a mocidade, exemplo disto son os constantes incumprimentos que o Goberno de Abel Caballero ten con ducias de mozos e mozas respecto ás actividades no VigoSÓNICO”

Marea de Vigo lamenta a escasa progamación cultural emanada do Concello para o vindeiro inverno, “e como exemplo disto temos o programa Vigo Cultura, que conta cun escasísimo orzamento de 150.000 euros” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. Un mecaniso ademais no que “se pretende concentrar no centro da cidade a maior parte das actividades en lugar de facer unha programación cultural descentralizada que chegue aos barrios facendo partícipe ao conxunto do tecido cultural e as diferentes expresións culturais da cidade” engade.

Nunha cidade de 300.000 habitantes “seguimos sen ter plans de ocio alternativo para a mocidade, seguimos esperando a prometida programación da Casa da Xuventude, así como as posibilidades de uso de espazos públicos para os mozos e mozas, nun momento de incremento de actividades coma os botellóns coa inseguridade que implica a todos os niveis” afirma o voceiro.

O máis preocupante, segundo a Marea de Vigo, é que “semella que esta cidade só quere prepararse para o Nadal”. Facer anuncios de case dous millóns de euros para novos adornos de Nadal “invalida recursos para outras actividades de carácter cultural” lembra o voceiro en referencia a situación dos museos da cidade, “como o caso da Pinacoteca, na que cada vez se reducen máis os seus horarios e contidos, recortando persoal incluso de vixilancia limitando esta ás cámaras por control remoto”.

Unha cidade como Vigo “ten que ter unha programación cultural expansiva. Vigo debe parecerse máis ás cidades da súa magnitude e do seu montante orzamentario, mais estamos a anos luz das programacións culturais que poden facer cidades coma Xixón ou Valladolid, sen necesidade de ir máis lonxe” afirma Rubén Pérez.

Marea de Vigo insiste en que estas carencias en materia cultural “teñen que ser corrixidas” e a Cultura debe ser un eido fundamental na elaboración do vindeiro orzamento para o ano 2023. “Hai moito potencial cultural na nosa cidade e só depende de vontade política” sentenza o voceiro local.