Marea de Vigo critica a «falta de vontade e de iniciativas» do goberno local para que as Cíes sexan Patrimonio da Humanidade

Islas Cíes.

A concelleira Oriana Méndez destaca que, a día de hoxe, o Concello non fixo ningunha das tarefas nin enviou información algunha á UNESCO para que as Illas estean na lista provisional

Marea de Vigo criticou hoxe a «falta de vontade e de iniciativas» do goberno local da cidade para que as Illas Cíes sexan declaradas Patrimonio da Humanidade.

Neste sentido, a concelleira da formación, Oriana Méndez, destacou que, a día de hoxe, o Concello non fixo ningunha das tarefas nin enviou información algunha á UNESCO para que as Illas estean na lista provisional.

«Hai lugares nos que conflúen de xeito extraordinario a forza dunha paisaxe única, a potencia dunha biodiversidade rica que precisa conservación e un fortísimo peso da historia de Galicia e de Europa. Así acontece coas Illas Cíes, por iso para milleiros de persoas no mundo que coñecen a nosa ría, as Illas Cíes son xa patrimonio mundial, afirmou Oriana Méndez, quen puxo en dúbida «se o Goberno local ten vontade real de que as Illas Cíes acaden o recoñecemento de Patrimonio Mundial outorgado pola UNESCO», algo para o que «terá que actuar e dar os pasos necesarios para que a proposta sexa tida en conta e vaia adiante».

Para Marea de Vigo, mais aló das cuestións publicitarias que faga o Concello, «que máis ben semellan só valer para derivar recursos públicos a determinados medios de comunicación e entidades», para conseguir que unha candidatura se frague na UNESCO, «o que hai que facer é traballar na documentación técnica para o comité de avaliación». «As palabras lévaas o vento e, na realidade, só vemos que o Goberno local se move e executa, con toda celeridade, as luces do Nadal ou fotocalls de cartón-pedra», critica Oriana Méndez.

Marea de Vigo considera que Abel Caballero «debe pasar das palabras aos feitos». «Os vigueses merecemos un alcalde que pule polo recoñecemento da UNESCO para as Illas Cíes, para estimular e garantir a súa protección», engade a concelleira.