Rubén Perez: “É unha mala praxe pretender aprobar un Plan Xeral coma se fora un paseo militar e esta falla de información vai pesar na futura aprobación definitiva do PXOM”

A poucos dias da finalización do prazo para a presentación de alegacións ao Plan-Xeral, Marea de Vigo constata o denunciado xa hai meses. Segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo municiiapal, “hai unha porcentaxe altísima de vigueses e viguesas que a día de hoxe descoñecen a situación urbanística das súas casas e fincas, así como as afectacións de viais e de infraestruturas sobre as súas propiedades”, feito que non debe ser en ningún caso xustificado, segundo Pérez, “a unha falla de interese da veciñanza, así como tampouco se deben de deixar de asumir responsabilidades dende a administración local”.

Para a Marea de Vigo, foi un erro levar a aprobación inicial do PXOM no mes de agosto “e por moito que se ampliasen tres meses o prazo para as alegacións, era previsible saber que se non se facía unha labor divulgativa importante dos contidos do PXOM e se poñian enriba da mesa as cuestións e detalles que puideran resultar máis relevantes en cada parroquia por parte da Concellería de Urbanismo, súa Xerencia e o equipo redactor en lugar de dar pequenos mítines sobre as grandiosidades do Plan e falar únicamente de liñas xerais do Plan sen explicar as casuísticas que lle importan á veciñanza” relata o voceiro, lembrando que “hoxe mesmo, veciños e veciñas de Coruxo coñecían que están proxectándose viais que van afectar as súas casas e fincas”.

“O Concello vai arrogarse un baixo número de alegacións e polo tanto, un novo PXOM cunha gran aceptación – sinala Rubén Pérez – , mais a única realidade é que esa falla de volumen nas alegacións só significa que é un Plan Xeral cunha metodoloxía tanto de participación como de explicación cando menos discutible e absolutamente escasa”.

Marea de Vigo afirma alerta ademais que moita xente que queda afectada por cambios na clasificación do solo nas súas fincas non son coñecedores deste feito “e seguramente isto implique a apertura de procesos xudiciais” engade o voceiro.