Marea de Vigo fai fincapé en que Concellos como o de Vigo, con recursos nos bancos, deben poder utilizalos para que esta crise non deixe atrás ás persoas que así o precisen
O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, afirma que urxe “modificar a Guía de Interpretación da Regra de Gasto para que os gastos extraordinarios e reforzos na contratación derivados desta crise, en Servizos sociais e promoción social, atención ás persoas, limpeza, desinfección, seguridade cidadá, así coma materiais de seguridade ( EPI) de empregados municipais non computen coas regras de estabilidade e teito de gasto.”
Marea de Vigo comparte a solicitude xa xeralizada dos Concellos para permitir superar os límites da masa salarial, ao amparo de eliminar os criterios de teito de gasto, para a contratación de persoal con carácter temporal e extraordinario en servizos esenciais xestionados directamente polo Concello, “principalmente permitir que se permita a contratación con carácter temporal e excepcional, de persoal de limpeza e desinfección (en todos os seus ámbitos) de traballadores sociais, auxiliares de axuda a domicilio e demais persoal necesario para atender directamente á poboación de risco e vulnerable” matiza o voceiro.
Do mesmo xeito, Marea de Vigo tamén pide que Concellos como o de Vigo que xa teñen o seu orzamento aprobado poidan realizar de urxencia e vía decreto todas as modificacións orzamentarias necesarias para, dentro do ámbito orzamentario, poder ampliar partidas para atender gastos extraordinarios ademais dos relacionados co persoal.
Igualmente debería suceder cos usos dos superávit en políticas sociais, deixando de estar restrinxidos co engadido “financeiramente sostibles”, podendo traducirse así en axudas directas ás familias vulnerables, pequeno comercio e tecido empresarial da nosa cidade.Para Marea de Vigo, con isto “gañaríase axilidade, sen prexuízo que se establezan trámites que aseguren a transparencia e a posibilidade de fiscalización da oposición”.
Unha axilidade fundamental para que as entidades locais, especialmente aquelas con orzamentos moi axustados, poidan priorizar ou cambiar o destino das súas previsións iniciais. “Hai que ter en conta que coa estado de alerta están a suspenderse moitos eventos, cuxos gastos se poderían ir directamente a coidar ás persoas” conclúe Rubén Perez.
Rubén non debe ter nada mellor en que perder o tempo…?
Nos vedes que xa vai pagar a XER do seu bolsillo… cómo vai ter cartos para os POBRES ?
Vivimos nun Concello de traca… se non fora para chorar escacharíamos coa risa !!!