Marea de Vigo considera «un avance» aclarar que administracións públicas participarán na rexeneración do ámbito da panificadora

Rubén Pérez: “Agora o urxente é definir os usos finais do espazo toda vez que máis da metade do do mesmo estaba reservado para a Biblioteca do Estado, que finalmente non se ubicará na antiga panificadora”

Hoxe, na xuntanza semanal do Consello da Xerencia de Urbanismo aprobouse incoar un expediente importante para a cidade: o convenio entre o Concello e a Zona Franca para financiar os traballos de rehabilitación do ámbito da Panificadora, “ámbito absolutamente degradado durante os últimos anos froito das pugnas especulativas sobre a parcela” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Para a Marea de Vigo é moi positivo que dúas administracións públicas se poñan dacordo para financiar e darlle contido ao ámbito. “É unha boa nova, que se suma á aprobación da modificación puntual do PEPRI do Casco Vello en decembro do 2020 que eliminou os usos en vivenda, erradicando a cultura do pelotazo que levaba anos voando sobre o ámbito” sinala Rubén Pérez. No ano 1995 un convenio urbanistico propoñía a construción de dúas torres de máis de 70 vivendas e posteriormente e incopororado ao PXOM do 2008, un novo convenio que establecía un mínimo dun 50% e un máximo de un 90% de vivenda.

“Agora – asegura o voceiro -, queda claro que hai vontade real da Zona Franca en participar na reconstrución e usos do ámbito, usos que serán públicos e dotacionais, atendendo ao expresado hoxe na Xerencia de Urbanismo”. Mais, o que queda por facer de xeito urxente, segundo Rubén Pérez, é “definir en constante diálogo cos sectores implicados da cidade, os usos dos espazos que se van a construír, toda vez que dos 7.000 m2 de superficie que deixa consignados o proxecto gañador do concurso de ideas do 2016, 4.000 estaban reservados para a Biblioteca Pública do Estado, que finalmente non vai ser ubicada neste ámbito”.

Marea de Vigo aposta por un gran contedor cultural público e grantuito na cidade para entidades veciñais, asociativas de todo tipo, culturais, etc… que veña a paliar «a dependencia dos espazos da antiga obra social caixanova, hoxe en mans dun banco privado, e que permita ademais paliar a desaparición paulatina de espazos públicos gratuitos donde realizar conferencias, exposicións ou iniciativas culturais e asociativas de todo tipo».