Marea de Vigo considera “ridícula” a actitude de Caballero ao defender na Femp as zonas de baixas emisións e despois en Vigo pretender a excepcionalidade

Imagen aérea de Vigo.

Entende que o Concello non está a traballar na implantación destas zonas e lembra que, ademais de pedir a subvención, hai que facer un proxecto rigoroso cun proceso de consulta cidadá previa

Marea de Vigo considera “irresponsables” as críticas de Abel Caballero á normativa de delimitación de zonas de baixas emisións, que defende na FEMP como o seu Presidente e despois non aplica como alcalde en Vigo. Esta norma, que recolle evidencias científicas e médicas sobre as enfermidades e mortes que producen a emisións atmosféricas de vehículos de combustión en zonas de alta saturación de tráfico como son os centros urbanos, entrou en vigor neste 2023 sen que o Concello realizase aínda ningunha clase de campaña informativa á veciñanza sobre os prazos de implantación e elección das zonas de baixas emisións. 

Marea de Vigo leva dende o comezo da lexislatura solicitando esta información, ao igual que as organizacións ecoloxistas da cidade. Estas últimas veñen de solicitar en reiteradas ocasións xuntanzas co alcalde de Vigo para falar dos criterios que primarían para a configuración das zonas, os tempos de implantación e as campañas de sensibilización e información á cidadanía. Facelo a golpe de rolda de prensa, como o fai o alcalde de Vigo, é crear alarmismo, desinformación e ruído innecesario.

 “Coa saúde dos vigueses e viguesas non se pode xogar nin facer declaracións oportunistas ou paternalistas», sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal. Marea de Vigo considera urxente esa campaña informativa que debera ter sido dialogada co movemento ecoloxista, veciñal, e co sector do transporte. O Goberno de Abel Caballero, segundo a Marea de Vigo, “tiña que ter xa comezado os estudos para levalo a cabo xunto co movemento ecoloxista, xa que son estes os que fan medicións sobre as actuais emisións que están provocando os vehículos particulares no centro da cidade” engade o voceiro.

Agora simplemente temos unha delimitación de zonas acordada para a subvencións con cargo aos recursos que habilita o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda urbana, que, entre outras tarefas, capta fondos europeos para trasladar aos Concellos.